Educación

Aberto o prazo de admisión nos centros de ensino: pasos para solicitar unha praza

Crianzas do CEIP de Barouta, en Ames, no inicio do presente curso escolar. (Foto: Arxina)
A solicitude poderase presentar, por vía electrónica ou presencial, desde este 1 de marzo e até o día 20.

Xa está aberto o prazo para solicitar praza nos centros de ensino do país sostidos con fondos públicos —os de titularidade pública e os privados concertados— de cara ao vindeiro curso escolar, 2023-24. Desde esta cuarta feira, 1 de marzo, e até a segunda feira día 20 ficará aberto o período de solicitudes na Consellaría de Educación.

A convocatoria está dirixida a alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato que se incorpora ao sistema educativo ou que cambia de centro. Pódese efectuar a solicitude a través de dúas vías: presencial e electrónica.

Unha vez feche a convocatoria publicaranse as listaxes provisionais de alumnos e alumnas admitidas e excluídas, o 25 de abril, mentres as definitivas sairán o 15 de maio.

Posteriormente, os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para estudantes de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Solicitude presencial

Para pedir unha praza no propio centro de ensino é preciso acceder a este formulario de admisión, dispoñíbel no portal web da Consellaría, cubrir os datos pertinentes e premer no botón 'Crear e confirmar'. Despois poderá descargarse para presentala no colexio ou instituto.

Solicitude electrónica

No caso de optar pola presentación de modo telemático, deberase acceder a este portal con usuario de Chave365 ou certificado dixital. Deberase crear e completar tamén o formulario e logo premer en 'Asinar e presentar en sede electrónica'.