Prazas libres en residencias públicas e centos de persoas en listas de agarda

Imaxe de arquivo dunha residencia.

CIG denuncia o “escandaloso baixo nivel de ocupación na residencia de Porta do Camiño en Santiago” desde hai máis dun ano.

A Residencia Pública de Porta do Camiño en Santiago de Compostela leva mais de 1 ano con “baixisimos niveis de ocupación. A día de hoxe luns 23 de decembro, véspera de Noiteboa, esta residencia de maiores dependente da Consellería de Política Social, ten 33 prazas libres, mais de vinte habitacións dobles e individuais valeiras”. Esta é a denuncia da CIG, que critica que esas prazas estean sen cubrir cando hai numerosas persoas agardando por un sitio nunha residencia pública.

“Este desleixo na xestión é responsabilidade directa da conselleira Fabiola Garcia, que vende moito fume en publicidade pero ten unha xestión neglixente dos servizos públicos”, critica a central nacionalista.

O sindicato afirma que os argumentos xustificativos deste baixa ocupación é que hai orde de que só se acepten persoas maiores de 75 anos e con grado 0 de necesidade de asistencia. “As listas de solicitude para entrar nunha residencia son de persoas de idades a partir dos 60 anos ou aínda menos e que chegan a rexistrarse peticións de  100 anos e con todo tipo de grados de asistencia, pero son moi escasas as persoas peticionarias que non teñen ningún grado de invalidez ou necesidade asistencial”.

A Residencia de Porta do Camiño, afirma CIG, esta dotada co cadro de persoas “suficiente e cos profesionais adecuados para atender 84 residentes de todo tipo”.