Sen prazas as sextas feiras no tren A Coruña-Ourense este mes

(Foto: César Arxina / Europa Press) #tren #ferrocarril #renfe #transporte #trens

O problema de prazas esgotadas nos trens galego continúa. Algúns traxectos, como o que une A Coruña e Ourense, xa non conta con lugar nos de Media Distancia (Avant) nas sextas feiras deste mes.

Renfe continúa sen pór solucións ás numerosas queixas que usuarias e usuarios dos trens de Media Distancia (Avant). A introdución de abonos gratuítos aumentou a demanda exponencialmente mais non o número de frecuencias dispoñíbeis nos horarios máis solicitados.

Desde hai semanas, usuarias e usuarios deste servizo na Galiza quéixanse de que quedan sen poder viaxar ou teñen que acceder a outros traxectos máis caros, como é nalgúns casos o Alvia que non está pensado para este tipo de pasaxeiras e pasaxeiros.

Estudantes e persoas que teñen que desprazarse para traballar son os perfís máis comúns. A semana pasada Nós Diario explicaba denuncias de usuarias e usuarios que realizaban traxectos na liña Santiago de Compostela-Vigo que quedaban sen prazan nas sextas feiras 24 e mesmo 48 horas antes do día en cuestión.

Daquela, Nós Diario constatou que todos os trens estaban completos para esta pasada sexta feira nalgúns casos 36 horas antes de partir.

A mesma situación están a padecer as viaxeiras e os viaxeiros da liña que comunica A Coruña con Ourense. Novas denuncias chegan á redacción sinalando que ao querer acceder á reserva de prazas de ferrocarril de Media Distancia todas as sextas feiras deste mes están ocupadas. A única posibilidade é acceder aos trens Alvia que teñen un custo superior aos 40 euros.

Atrasos e colapso na aplicación

Alén do problema co acceso á viaxe en determinados días, tamén continúan as queixas polos atrasos das viaxes na chegada a destino, co que isto supón para as persoas que teñen que cumprir uns horarios de entrada ao traballo ou ás aulas das universidades.

Outra das situacións que máis se repite é  a imposibilidade de entrar na aplicación que en moitas ocasións non permite o acceso. Unha da solucións, realizar a xestión a través das máquinas das estacións, resulta case imposíbel ao atópanse colapsadas polo que denuncian que hai que realizar grandes fileiras diante da xanela de venda.

Diante desta situación, moitas usuarias e usuarios optan por buscar outro transporte público e a segunda opción é o autobús. Fontes de Monbus indican que traballan para aumentar frecuencias aínda que tamén se están a rexistrar numerosas fileiras que non dan resolto o problema en determinados horarios.