A praia en Semana Santa: capacidade limitada e grupos dun máximo de seis non conviventes

A Xunta publica a regulación nestes espazos para esa ponte, onde a máscara será obrigatoria agás para se bañar ou permanecer deitado.

Para os días festivos de Semana Santa, a Consellería de Sanidade incluíu na orde de medidas de prevención da covid-19 que entra en vigor  esta sexta feira a regulación do uso de praias, onde, como ocorreu durante o pasado verán, os respectivos concellos deben limitar a capacidade das mesmas para garantir a distancia de seguridade e cínguense os grupos ao máximo de seis persoas, en caso de ser non conviventes.

En concreto, a orde publicada no DOG lembra que "o concello respectivo deberá estabelecer limitacións tanto de acceso como de capacidade" nas praias, co obxectivo de asegurar que se poida manter nelas a distancia de seguridade.

Para calcular esta capacidade máxima, considérase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será, polo menos, de 4 metros cadrados.

Toallas

Do mesmo modo, a situación dos obxectos persoais, como toallas ou hamacas, "levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade" con respecto a outros usuarios. Respectarase, ademais, o límite máximo de seis persoas por grupo, agás no caso de conviventes.

Para calcular esta capacidade máxima, considérase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será, polo menos, de 4 metros cadrados

A máscara debe utilizarse para todos os desprazamentos -entradas, saídas e paseos- e unicamente poderá quitarse durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado sen desprazarse e haxa distancia de seguridade entre non conviventes.

Do mesmo MODO que na anterior normativa, poderanse realizar actividades de turismo ao aire libre organizadas por empresas habilitadas. Para elas, amplíanse as capacidades, xa que poderán ser dun máximo de oito persoas máis o monitor, sexan ou non conviventes.

Nos centros de interpretación e visitantes, aulas de natureza, casetas e puntos de información da rede de espazos protexidos non se poderá exceder o 50% da súa capacidade e respectarase o máximo de seis persoas nas actividades de grupo, sexan ou non conviventes.