A praia de Baldaio, en Carballo, emblema na recuperación da píllara das dunas

Polos de píllara das dunas nados o 18 de xullo en Carballo. (Foto: Concello de Carballo)
O areal rexistra os mellores datos de cría de píllara do país

O balance anual da campaña de recuperación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha especie ameazada, constata que a praia de Baldaio, en Carballo (Bergantiños), rexistrou uns resultados de cría "de récord".

A profesora da USC María Vidal, o axente medioambiental Luis Amor, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, presentaron esta sexta feira as valoracións dun plan que sinalan que en Baldaio se rexistrou "un éxito reprodutivo sen precedentes".

"O obxectivo do plan de conservación galego é de 1,5 polos voados por parella. En Baldaio alcanzouse o máximo que se pode conseguir: tres polos por parella, polo que o resultado é excepcional", asegurou Vidal. 

A profesora da USC relacionou este éxito, por unha parte, ás condicións meteorolóxicas do areal, e, por outra, ao "uso humano das praias", que cada vez é máis respectuoso coa píllara grazas, dixo, ás accións de divulgación e sensibilización promovidas desde o Concello.

Precisamente Luis Amor aludiu á necesidade de regular os usos nos areais. "A xente ve o medio  ambiente como un ximnasio, e non é consciente de que non se pode facer de todo en todas as partes. Pode facerse de todo, pero hai que saber cando é onde", sinalou. 

Ao igual que Vidal, Amor considerou que as campañas de información e sensibilización promovidas desde o Concello de Carballo están a dar froitos en canto á conservación da píllara. Desde o seu punto de vista, "hai que seguir traballando nesta liña", porque "estas cousas non se conseguen de hoxe para mañá".  

Da mesma maneira, Miguel Vales destacou a implicación cada vez maior da veciñanza, e Evencio Ferrero engadiu que a protección da píllara debe ser un obxectivo colectivo. “Ou nos implicamos todos ou isto non sería posible”, dixo. 

Colaboración internacional 

Ademais de dar a coñecer os "excepcionais" datos deste ano, María Vidal tamén deu a coñecer que a USC e a Dirección Xeral da Natureza están a participar nun proxecto europeo xunto con universidades de Estremadura, Andalucía e Portugal, para "traballar en conxunto pola conservación desta especie", co concello de Carballo como referente.