"As pragas chegan antes e duran máis tempo"

Os castiñeiros combaten tres ameazas principais, a da tinta, a do chancro e a da avespiña asiática.
O aumento das temperaturas, secas máis prolongadas e o incremento das pragas son consecuencias do cambio climático que afectan directamente á saúde dos bosques á xestión da masa forestal. 

A rede europea de seguimento de danos nos bosques realiza un panel de mostras anual para determinar a calidade e a evolución da masa forestal, no conxunto do Estado e en cada un dos territorios.

O Inventario de Danos Forestais no Estado español correspondente ao ano 2018 recoñece unha lixeira melloría no estado de saúde das masas forestais da Galiza, tamén con respecto ao ano 2013.

O avance, apunta Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo,  responde en boa medida ao menor impacto do gurgullo do eucalipto nos bosques galegos.

"As pragas  gozan de ciclos biolóxicos máis longos. Os problemas chegan antes e duran máis tempo".

O coleóptero causante da defoliación do eucalipto é unha das ameazas que describe o informe, nun contexto de cambio climático que obriga as propietarias, as comunidades de montes e as expertas no sector forestal a observar as previsións para favorecer a adaptación da masa forestal ás mudanzas climáticas.

"A diferenza dos animais, as árbores non se poden mover do seu sitio. Se as condicións de auga e temperatura nas que viven cambian, e deixan de estar en equilibrio co medio, son presas desas alteracións, que acabarán por debilitalas", explica Juan Picos, "e as árbores debilitadas son máis susceptíbeis de verse afectadas por patóxenos que igual xa estaban aí ou que poden chegar de novas".

A ameaza das pragas

O impacto das pragas é outra das consecuencias do cambio climático. Segundo Carmen Salinero, xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, "agora gozan de ciclos biolóxicos máis longos". O quecemento global, di, freou o "frío invernal que axudaba ao control dos patóxenos, que ao dispoñer de ciclos máis longos tamén teñen unha incidencia máis forte". E o mesmo sucede cos fungos, que atopan mellores condicións na contorna para propagarse e castigar determinados exemplares. "Os problemas chegan antes e duran máis tempo", advirte.

Salinero destaca que o número e a variedade de insectos e fungos activos con capacidade para afectar as árbores e o cultivos creceu coa globalización. "Viaxamos máis, traemos novas especies que poden chegar a adaptarse ao medio no que vivimos, porque as condicións cambian; e canda esas especies veñen as súas pragas".

"É imprescindible unha boa silvicultura e fomentar as decisións informadas por parte dos propietarios e das comunidades de montes para cada un dos seus espazos".

Entre as máis agresivas, sinala, algunhas das citadas polo inventario de danos forestais. "A procesionaria, que leva toda a vida con nós e o nemátodo do piñeiro, que delimita a xestión da súa masa forestal". Para Juan Picos, é o exemplo perfecto do impacto do cambio climático. "Pola temperatura que precisa o vector do nemátodo sempre se dicía que era moi difícil que pasase do Miño, pero xa se dan as condicións para que vaia ascendendo cara ao norte".

O verme dos ameneiros, o chancro do castiñeiro e sobre todo a avespiña asiática que afecta a árbore da castaña son outras das ameazas que máis castigan a masa forestal da Galiza, que poñen en risco os bosques de ribeira, os soutos e un sector produtivo vital en moitas comarcas do territorio.

Incendios forestais

Os lumes tamén representan un risco. "As secas son cada vez máis prolongadas e os expertos presumen que o serán aínda máis", sinala Picos. "Hai que empezar a pensar en que condicións van vivir as árbores as próximas décadas para asegurar a viabilidade da masa forestal". Un traballo, advirte, que ha de ser coordinado e especializado.

O profesor Juan Picos mantén que "o máis sensato", en canto á xestión da masa forestal, é apostar por manter as condicións actuais das árbores. "Canto máis sas estean máis tardarán en debilitarse e mellor aproveitamento lograremos. É imprescindible unha boa silvicultura e fomentar as decisións informadas por parte dos propietarios e das comunidades de montes para cada un dos seus espazos". O obxectivo, insiste, é mitigar e adaptar o impacto do cambio climático.