As medidas de control, en cuestión

A praga da pataca avanza sen freo

[Imaxe: Xunta] Patacas

Pasaron case tres anos desde que se declarou oficialmente a presenza da couza guatemalteca na Galiza. Os primeiros sinais que chegaban desde Neda, Ferrol e Narón estendéronse con velocidade até afectar máis dunha trintena de concellos. Agora –cando esta praga que devora as patacas parecía delimitada nas comarcas da Mariña, Ferrolterra e Ortegal– veñen de detectarse novos casos en Muxía.

A praga da couza guatemalteca avanza na Galiza sen que as medidas de control tomadas pola Xunta e o goberno central consigan freala até o de agora. Case catro toneladas de patacas foron destruídas desde que foi localizada no país, mais sen exterminala. Con milleiros de persoas produtoras e particulares afectadas no interior de Lugo e da Coruña, baixo a prohibición de plantar o tubérculo ou en risco pola proximidade da praga, a couza guatemalteca mantén a súa ameaza sobre a pataca galega.

 

Detectada a finais de 2015, o último episodio da praga da couza coñeceuse estas semanas. As sospeitas dun particular, que enviou as patacas a analizar, permitiu poñer o foco no municipio de Muxía. “Non está pegado a ningún dos concellos afectados, localizados na Mariña, Ferrolterra e Ortegal. Estamos falando de que saltou todo Bergantiños. Despois de todo o que pasou, o grave é que aínda hoxe estea sen controlar”, salienta o coordinador da Federación Rural Galega (Fruga) en Lugo, Elías Somoza, que considera este feito un indicativo claro de que “as medidas están fallando”.

 

A Xunta intensificou os controis tras confirmarse a súa presenza en Muxía, o concello número 33, sobre a que estabeleceu unha zona tampón de cinco quilómetros. Descarta polo momento outros concellos afectados na Costa da Morte, e non alcanzou tampouco as dúas zonas con Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galiza, Bergantiños e A Limia. Mais a inquietude vai en aumento entre as produtoras e produtores do país. Tanto para os xa afectados, que teñen que esperar dous anos e confiar en que pasado ese tempo fique erradicada a praga, como para quen ten a súa actividade en concellos próximos.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 293, á venda na loxa e nos quiosques]