VOTOU EN CONTRA DUNHA PROPOSICIÓN DO BNG

O PP víralle as costas ás persoas enfermas de cancro e a medio millón de sinaturas

Beatriz Figueroa, a terceira pola esquerda, con portavoces dos grupos parlamentares

Unha proposta para mellorar a cobertura laboral e de seguridade social para @s doentes de cancro foi rexeitada esta terza feira no Congreso.

 

A proposta é unha iniciativa da cidadá viguesa Beatriz Figueroa, quen conseguiu arrecadar para a súa causa o apoio de medio millón de asinaturas, e acabou traducíndose nunha proposición non de lei da autoría da deputada do Bloque Nacionalista Galego, Olaia Fernández Davila.

A iniciativa foi votada favorabelmente por todo o arco parlamentar de oposición (PNV, CiU, Esquerda Plural, ERC, EH Bildu, PSOE), mas rexeitada polos votos da maioría absoluta do PP.

Olaia Fernández Davila parabenizou desde a tribuna a Beatriz Figueroa polo seu "enorme esforzo do que somos coñecedores de primeira man" e resaltou que a proposición non de lei podería considerarse unha iniciativa lexislativa popular ao ter o respaldo de medio millón de sinaturas.

O BNG denunciou a inxustiza na que se achan  “persoas que cotizaron e contribuíron durante moitos anos á Seguridade Social, pero que en momentos de serios problemas de saúde, incapacitados polos tratamentos para o cancro, apenas perciben pequenas axudas asistenciais. Situación que afecta a miles de persoas como a Señora Figueroa”. 

A iniciativa propón basicamente a modificación da Lei de Seguridade Social para mudar a cualificación da incapacidade permanente

E engadiu: “Persoas diagnosticadas de cancro cando están no paro, con prestación ou sen ela, que teñen contratos temporais e non se lles renova, e que cando lles dan a alta teñen quince anos ou máis de cotización á Seguridade Social”. Esclareceu que a situación se ten agravado pola crise, en alusión ao incremento do número de parados e do aumento da contratación en precario. 

E que propón esta iniciativa? Basicamente a modificación da Lei de Seguridade Social para mudar a cualificación da incapacidade permanente, sendo que, argumentou Fernández Davila, "
“desde o ano 1997 este precepto non foi obxecto de desenvolvemento regulamentario o que supón unha das tarefas pendentes de abordar máis importantes que competen ao Goberno en materia de Seguridade Social”.

O PP, pola súa parte, mantén o discurso de que o actual sistema é xa suficientemente solidario coas persoas enfermas de cancro e que, en caso de discrepancias coas valoracións técnicas do estado de saúde das e dos doentes e da súa capacitación laboral, sempre existe a hipótese de recorrer aos xulgados do social.