O PP veta a lei galega de identidade de xénero promovida por grupos LGTBI

Integrantes de colectivos LGTBI e parlamentares da oposición, fotografados no interior do pazo do Hórreo [Foto: @en_marea]

A norma foi defendida por todos os grupos da oposición. Foi rexeitada pola maioría absoluta do PP.

Galiza non vai dispor unha lei de identidade de xénero equiparábel ás normas aprobadas por outras comunidades autónomas do Estado ao ser votada en contra esta terza feira polo Partido Popular.

 

O trámite esta terza feira era o da toma en consideración da lei. Ao votar en contra, o PP non deu opción nen sequer a emendar a norma.

 

O que se submeteu a debate foron tres proposicións de lei de PSdeG, En Marea e BNG, formalmente da súa autoría mais que foron "consensuadas" cos colectivos LGTBI e que acabaron sendo debatidas no Pleno do Parlamento de forma conxunta.

 

Como argumentou o PP a súa oposición a esta lei? Pois basicamente a formación conservadora argüíu que a norma é desnecesaria porque o compromiso do goberno co colectivo LGTBI xa estaria "plasmado na lei de 2014" de igualdade de trato, polo que non sería preciso pór en andamento nova lexislación nesta materia.

 

A posición do PP foi cualificada de "ridícula" e "denigrante" por parte dunha portavoz LGTBI Sara Navarro, concentrada con máis persoas destes colectivos perante o Pazo do Hórreo.

 

En declaracións recollidas por Europa Press, Navarro afirmou que o veto do PP equivale a lles dicer ás persoas dos colectivos LGTBI "queremos guerra" e mostrou a súa convicción de que a norma será aprobada no Estado -onde a formación conservadora carece de maioría absoluta- antes do que na Galiza.

 

Que defendía a lei vetada polo PP?

 

En primeiro termo, a norma consensuada cos colectivos LGTBI definía a identidade sexual e de xénero como a vivencia que cada persoa sente, unha condición que se autodetermina sen que poda ser interferida por terceiros. A identidade pode corresponder ou non co sexo asignado ao nacer e pode involucrar "a modificación da aparencia ou función corporal através de medios farmacolóxicos, cirúrxicos ou doutra índole", sempre que sexa por propia vontade.

 

A seguir, a lei aplicaba o termo trans a "toda aquela persoa que se identifica cun xénero diferente ou que expresa a súa identidade de xénero de maneira diferente ao xénero que lle asignaron ao nacer". O conceito trans abranxaría diversas "formas de expresión da identidade de xénero" como "transexuais, transxénero, travestis (...) queer ou persoas de xénero diferenciado".

 

A lei estabelecía, aliás, un catálogo de dereitos, entre os que figuraba o recoñecimento da identidade de xénero libremente manifestada; o acceso de prestacións públicas que garantan a satisfacción das necesidades sanitarias, psicolóxicas, xurídicas, culturais, sociais...;  ben como a non discriminación no ámbito especificamente laboral, con pleno respeito ao direito ao traballo, quer na esfera pública quer na privada.

 

En Marea

 

Marcos Cal cualificou de "gravísima" a situación do colectivo trans e nese sentido deslizou un dado estarrecedor: 85 por cento das persoas transexuais teñen pensado no suicidio algunha vez na súa vida. Cal pide "una atención sanitaria próxima, non patoloxizante, que non xulgue e que acompañe". O parlamentar da confluencia alegou: "A transexualidade nunca será un problema, a transfobia si".

 

 

PSdeG

 

A lei de 2014 supuxo un avanzo, mais é unha norma "insuficiente", alegou na súa intervención Noelia Blanco. "Unha sociedade decente é aquela que non humilla ningún dos seus cidadáns, aquela que respeita todos", acrescentou a parlamentar socialista, quen a seguir censurou o PP por seren sempre "os últimos da fila" na loita polos direitos sociais. "Sempre se poñen fronte aos que defendemos os direitos, mais despois fan uso deles", reprochou.

 

BNG

 

Para a parlamentar Olalla Rodil, o maior avanzo recollido na lei é "deixar de considerar a transexualidade unha enfermidade". Do que se trataría, enfatizou, é de "recoñecer que non sempre a identidade de xénero se corresponde co sexo asignado ao nacer". "O xénero", acrecentou, "non ten nada que ver cos xenitais, hai homes con vaxina e mulleres con pene".

 

Rodil fustigou a hipocresía dun PP que, por un lado, "busca o titular e a foto" cando anuncia atención sanitaria específica para as persoas trans, mentres que, polo outro, veta na Cámara galega un proxecto de lei que fixa obrigas á administración pública "para garantir que as persoas trans desenvolvan o seu tránsito social coas menores barreiras e dificuldades posíbeis".