A proposta deixa sen paradas de autobús a 136.000 persoas na Galiza

O PP rexeita o mapa concesional de liñas de autobús do Goberno do Estado

Estación autobuses Lugo (Foto:Nós Diario).

Os deputados do Partido Popular por Galiza rexeitan a proposta de mapa concesional de liñas de autobús e reclaman unha reunión urxente entre o Goberno estatal e o galego para modificar a iniciativa.

As protestas polos recortes das liñas de autobús en diversos concellos galegos volven ao Congreso dos Deputados de man dos representantes do PP. A iniciativa, chega dúas semanas após que o voceiro do BNG na Cámara Baixa, Nestor Rego, achegase a mesma reivindicación.

Os deputados populares cualifican este novo mapa concesional como “nefasto e inaceptábel” e sinalan que “maltrata a Galiza” deixando a máis de 136.000 cidadáns sen parada e eliminando máis de 76 servizos interiores.

Os representantes do PP consideran a proposta do Goberno do Estado como “un auténtico despropósito” e denuncian que “afonda no abandono do rural e que, baixo a escusa de que só prestan servizos de carácter interautonómico, suprime tráficos dentro da propia autonomía que si se prestan na actualidade”

O Partido Popular significa que “este recorte drástico” afectaría a 23 concellos galegos. Concretamente, trátase Allariz, Ribadavia, A Rúa, Riós, Trasmiras, A Mezquita, A Pontenova, As Nogais, Baralla, Chantada, Meira, Monterroso, Guitiriz, O Corgo, Pedrafita, Palas de Rei, Quiroga, Forcarei, Lalín, Tui, Silleda, O Porriño, Melide, Arzúa.

Os deputados populares rexeitan “este mapa concesional” e o anteproxecto de Lei de mobilidade sustentábel “que utiliza criterios exclusivamente económicos á hora de estabelecer as obrigas de servizo público da media distancia ferroviaria e que prima a planificación urbana e metropolitana, e a rendibilidade económica da mobilidade”.

BNG

O pasado 4 de xuño, Néstor Rego solicitou no Congreso dos Deputados que o Goberno rectifique e non aplique "os recortes nos servizos de autobuses" na Galiza derivados da futura lei de mobilidade sostíbel.

Os nacionalistas instan o Ministerio de Transportes a que "dea marcha atrás" no seu propósito de "recortar as paradas de liñas de autobús" que afectaría a "23 municipios galegos".

O deputado do BNG, apuntou que esta política vai "na dirección contraria" a garantir os dereitos dos cidadáns do medio rural a acceder á mobilidade en condicións de igualdade, ademais de ser unha medida que "promove o uso do vehículo particular".

 

 

 

.