O PP rexeita levar á cámara os expedientes das residencias

A conselleira de Política Social, Fabiola García (Xoán Crespo / Xunta)
O pleno do Parlamento galego viviu unha xornada centrada na problemática das residencias. Desde Política Social apuntanban a un "pacto" coa oposición mentres se rexeitaba a proposta do BNG de levar á Cámara os expedientes abertos a estes centros.  

A conselleira de Política Social, Fabiola García, no marco da súa comparecencia no Parlamento galego a petición propia para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento, lanzou unha oferta de "pacto" aos grupos políticos para un novo modelo de residencias na Galiza e a futura lei de impulso demográfico. 

No mesmo pleno desta terza feira, 20 de outubro, os votos contrarios do PPdeG serviron para rexeitar unha iniciativa do BNG que instaba á Xunta a remitir á Cámara os 32 expedientes abertos a residencias de maiores en inspeccións realizadas pola Consellería de Política Social.

A deputada nacionalista Olalla  Rodil solicitou ao Goberno galego a remisión de toda a documentación correspondente a estes expedientes e criticou que o Executivo autonómico "non facilite datos  desagregados" por "estar máis cómodo na opacidade que na transparencia".

A deputada nacionalista, tras volver criticar que o PP rexeitase investigar nunha comisión parlamentaria o sucedido nestes centros, propuxo ampliar os  cribados que se están levando a cabo de forma que non se limiten ás residencias e que tamén inclúan aos centros de menores e a todo o persoal do Servizo de  Axuda non  Fogar (SAF).

Investigación na Comisión Europea

A Comisión Europea iniciará unha investigación preliminar sobre a situación das residencias de maiores privadas situadas na Galiza durante a pandemia despois de que Esquerda Unida (EU) a denunciase. En concreto, a formación dirixiuse á Comisión de Peticións da Eurocámara para solicitar que se investigasen "a falta de medios e a vulneración dos dereitos das persoas de idade avanzada" en residencias galegas.

Tamén pediu que se abordase "a súa discriminación na asistencia sanitaria" durante o estado de alarma. o BNG en Europa, Ana Miranda, informou de que presentará unha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a situación das residencias de maiores durante a pandemia.