DEBATE PARLAMENTAR

O PP rexeita investigar os ‘’erros’’ no asasinato machista do Hospital de Ourense

violencia machista

A deputada popular Paula Prado acusou a oposición de “oportunismo político” por pedir que se investigase o acontecido en maio, cando Isabel F.F foi acoitelada pola súa parella na habitación onde estaba convalecente.

 

O PP dixo ‘non’ a investigar os “erros” que se puidesen ter cometido e que tiveron como resultado o asasinato de Isabel F.F. pola súa parella durante o seu ingreso no Hospital de Ourense, tal e como solicitaba a deputada socialista Carmen Acuña, co apoio de toda a oposición.

A parlamentar socialista defendeu unha moción que solicitaba á Xunta investigar o sucedido para “tratar de determinar os erros cometidos” en aspectos como os protocolos, ben como investigar todos os casos de violencia de xénero que acabaron en morte malia haber denuncia previa.

Carme Adán (BNG) reclamou “mecanismos para que as mulleres se sintan seguras” e defendeu unha emenda para exixir o cumprimento e dotación orzamentaria da Lei de prevención e tratamento integral sobre violencia de xénero. Eva Solla (AGE) manifestou que hai que “coordinar os servizos e formar os profesionais” e que non abonda con poñer “un laciño violeta”.

Paula Prado, do PP, cualificou de “oportunismo político” a iniciativa do PSdeG e dixo que era “desolador” que presentasen iniciativas sobre violencia machista só cando hai mortas.