O PP rexeita aumentar en 223 millóns os fondos destinados á atención primaria sanitaria 

Montse Prado, durante o pleno

A maioría conservadora opúxose esta terza feira no Parlamento galego a dotar de máis orzamento a atención primaria. O PP rexeitou unha proposición de lei do BNG que si foi votada favorabelmente por En Marea e PSdeG. O Bloque propuña actuar sobre os impostos para lidar cunha "situación de emerxencia", a dunha atención primaria que, en palabras de Montse Prado, "é o ámbito da sanidade pública que máis ten sofrido os recortes".

Debate sobre a sanidade e debate tamén sobre a política fiscal para a financiar. Debate entre o BNG e o PP, con En Marea e PSdeG a respaldar a posición da formación nacionalista.

 

En concreto, o Bloque propuña unha lei que incrementase en 223 millóns o financiamento da atención primaria, un ámbito da sanidade que -a xuízo da parlamentar Montse Prado- "está afogada e colapsada", o que resulta na "fragmentación do sistema".

 

Para a formación nacionalista, as secuelas dunha atentación primaria infra-financiada son moi graves: aumenta a presión sobre as urxencias e, dadas as deficiencias nas prestacións, ten como consecuencia a cronificación de moitas doenzas que poderían ser tratadas con terapias de prevención se as e os profisionais dispuxesen de recursos materiais (e de tempo) suficientes para atender as e os pacientes.

 

Montse Prado denuncia que a atención primaria está "afogada e colapsada" após acumular recortes por valor de 2.000 millóns de euros desde que Feijóo chegou ao goberno galego en 2009

 

Os retallamentos mallaron na atención primaria nos últimos anos: segundo as estimacións do BNG, o recorte acumulado neste capítulo da política sanitaria desde que goberna Feijóo, 2009, alcanzaría xa os 2.000 millóns de euros. Daí que o BNG propoña un plano de choque para recuperar músculo financeiro e, consecuentemente, recursos humanos e materiais. 

 

Como se financiaría? Este foi un dos miolos do debate. O BNG propón actuar sobre a vía dos ingresos. En concreto, Prado advogou por incrementar o IRPF ás rendas máis altas, rebaixar a exención do pagamento do imposto de patrimonio desde os 700.000 aos 300.000 euros e impor un imposto de nova criación ás grandes superficies. Con estas medidas o BNG calcula que se ingresarían por volta de 135 millóns de euros. Outros 92 millóns chegarían á atención primaria pola vía de redistribuír distintas partidas orzamentais de diferentes consellarías.

 

Como se financiaría? Este foi un dos miolos do debate. O BNG propón actuar sobre a vía dos ingresos 

 

Aquí o BNG bateu coa oposición do PP, nada partidario de tocar os impostos. En palabras do seu portavoz, Aurelio Núñez, "subir os impostos da clase media para mellorar a sanidade non é a solución". 

 

Sen o financiamento suplementar que demanda o BNG -enfatizou Prado- non é posíbel mellorar a "situación de emerxencia" en que se acha a atención primaria. O obxectivo a curto prazo debería ser, esclareceu, incrementar a dotación de persoal para que médicos e enfermeiras teñan un máximo de 1.250 tarxetas sanitarias per cápita, pór en marcha unha política de substitucións das e dos traballadores de baixa, mellorar os equipamentos nos centros de saúde, permitir o acceso ás probas diagnósticas e habilitar un proceso de formación que se adapte ás necesidades reais das e dos profesionais do SERGAS, entre outras accións.