O PP reitera en Touro o seu apoio a un proxecto mineiro que rexeita gran parte da veciñanza

Un momento do pleno extraordinario. Imaxe de @minatouropinono

O PP volveu apoiar o proxecto de explotación de cobre en Touro que tanto preocupa na veciñanza da comarca. Se a mediados desta semana apoiaba no parlamento de Galiza, esta quinta feira facíao en Touro, no transcurso dun pleno extraordinario no que se concentraron ducias de veciños, tanto de Touro como doutros concellos afectados, como O Pino. O PP apoiou, o PSOE abstívose e o BNG votou en contra. Unha votación que non reflectía o sentir da veciñanza presente no pleno, oposta a un proxecto que entenden que vai ter un impacto moi nocivo no municipio e na comarca.

 

Centos de veciños teñen presentado alegacións contra o proxecto mineiro

 

A empresa Cobre San Rafael SL ten a concesión de explotación do xacemento San Rafael (O Pino e Touro) por 90 anos, até o 2068. Aproveitando o alto prezo que o cobre ten acadado dende 2007, debido en boa medida á forte demanda de materias primas dos xigantes asiáticos China e India, pretende reabrir e ampliar as minas de Touro, abandonadas dende 1986.  Ao igual que acontece co seixo en Mesía, o capital para o proxecto lévanos até China, segundo teñen sinalado desde Adega. Así, Atalaya Mining, a empresa chipriota que case monopoliza a explotación do cobre no Estado, e que pretende facerse co 100% de Cobre San Rafael SL -se a Xunta autoriza a explotación- está participada por Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd (case o 22%).

 

O proxecto presentado, de 16 anos e medio de duración, afectará unha superficie de 689 hectáreas e amplía 4 explotacións xa iniciadas (Arinteiro, Vieiro, Bama e Brandelos), abrindo outras dúas (Arca e Monte das Minas). Haberá pois ao longo da vida da mina 6 cortas mineiras principais (e outras 4 satélites), 10 ocos en total, O sistema de extracción é a ceo aberto, e durante a vida útil sacarán 267 millóns de toneladas de materiais, dos cales 102 millóns serán de mineral de cobre para beneficiar unhas 356.464 toneladas de cobre metal. “