O PP recorre a Lei de Eutanasia ante o Tribunal Constitucional a 24 horas da súa entrada en vigor

Foi aprobada en marzo pasado.

O Partido Popular vai interpoñer un recurso ante o Tribunal Constitucional sobre a lei de Eutanasia, que entra en vigor esta sexta feira após a súa aprobación o pasado mes de marzo.

A lei, que levou ao Congreso o PSOE, contou co voto en contra de PP e  Vox, que levaron a norma ante o Constitucional.

A norma regula o dereito á eutanasia para quen sufra "unha enfermidade grave e incurábel" ou un " padecemento grave, crónico e  imposibilitante" que afecte á autonomía e que xere un "sufrimento físico ou psíquico constante e intolerable".

Durante a súa tramitación no Congreso e o Senado, tivo que superar os  vetos presentados por PP e  Vox, aínda que contaba co apoio maioritario de ambas as dúas Cámaras.

O 25 de xuño entra en vigor a Lei 3/2021, de 24 de marzo,de regulación da eutanasia. Malia o disposto na lexislación, a Xunta da Galiza continúa sen desenvolver a normativa complementaria prevista e constituír o organismo de avaliación fixado na lei. Así as cousas, profesionais sanitarios e colectivos en defensa dunha morte digna observan con preocupación a situación e esixen á administración que cumpra os prazos. Ao tempo, temen que unha obxección de conciencia masiva por parte dos facultativos impida o seu dereito efectivo.

A norma establece que pode solicitar a eutanasia ou o suicidio asistido "quen está nunha situación de sufrimento grave, crónico e imposibilitante ou de enfermidade grave e incurábel, padecendo un sufrimento insoportábel que non pode ser aliviado en condicións que considere aceptábeis”. Ao tempo require, que o demandante debe estar “consciente no momento da solicitude”, determinando que no caso de non cumprir este requisito pode aplicárselle se subscribiu “ con anterioridade un documento de instrucións, testamento vital, vontades anticipadas ou documentos equivalentes legalmente recoñecidos”.