O PP négase a auditar os helicópteros da Xunta contratados cunha empresa condenada por fraude fiscal

O PSdeG lembra que a Audiencia Nacional condenou en marzo a compañía a devolver 6 millóns de euros a Facenda, ademais de máis de 3 millóns de euros de multa, por realizar “negocios xurídicos simulados”.

O PP vetou esta sexta feira una proposta do PSdeG para auditar os contratos da Xunta para os helicópteros do servizo de extinción de incendios, Salvamento, o 061 ou as adxudicacións da base de drons de Rozas. O responsábel de Política Institucional do grupo socialista no Parlamento de Galiza, Juan Díaz Villoslada, reclamaba á Xunta que verificara os contratos de Babcock co sector público autonómico, así como “a posible concorrencia de prohibición para contratar da empresa que afectaran á validez dos contratos”.

 

A iniciativa foi presentada após que a Audiencia Nacional condenara esa empresa a devolver 6 millóns de euros "defraudados a Facenda, ademais de máis de 3 millóns de euros" de multa, por realizar “negocios xurídicos simulados” para defraudar á Facenda nun recurso resolto en 2015, segundo o comunicado do PSdeG.

 

O responsábel socialista reclamou “a máxima transparencia e despexar calquera sombra de dúbida” sobre esta empresa, adxudicataria dos ditos servizos aeronáuticos. Acusou o PP e a Xunta de demostrar que “unha vez máis non están dispostos a ofrecer a mínima transparencia”, logo de que a portavoz do PP aludira a unha investigación propia da Xunta que Díaz Villoslada criticou por ser “de parte” por estar feita “polo propio goberno galego, de parte, e que ademais néganse a remitirlla ao Parlamento de Galicia”.