O PP impide debater o traslado a Galiza do preso Eduardo Vigo

Eduardo Vigo

Os votos en contra do grupo maioritario (PP) impediron que a moción presentada polo BNG for tramitada. Segundo @s populares a iniciativa "non é urxente". Esta segunda feira, unha outra moción será debatida en Teo a prol dos dereitos fundamentais de Antom Santos. 

 

O grupo municipal do Partido Popular en Compostela impediu esta segunda feira o debate e votación dunha moción presentada polo BNG en que demandaban a "garantía dos dereitos fundamentais do preso Eduardo Vigo". Na súa iniciativa a organización frontista demandaba do pleno municipal instar o Goberno español a trasladar o mozo --actualmente encarcerado nunha prisión de León situada a 365 km do domicilio familiar-- a un centro penitenciario radicado na Galiza. 

Eduardo Vigo atópase encarcerado nunha prisión de León a 365 km do domicilio familiar

O edil do Bloque, Rafael Vilar, quen defendeu a moción asegurou que esta situación de "réxime de dispersión" supón "un dobre castigo", quer para Eduardo Vigo, "privado de liberdade", quer para a súa familia que "debe percorrer longas distancias semanais" para visitaren o seu fillo. Así, Vilar lembrou que o afastamento das persoas presas da súa contorna social e cultural supón, para alén do incumprimento do propio ordenamento xurídico español (artigo 25.2 da Constitución de 1978 e artigo 12 da Lei orgánica xeral penitenciaria), "non contribúe en nada á súa reinserción social", un dos obxectivos, subliñou, do sistema penitenciario español. 

Desde o BNG denunciaron que o réxime de dispersión "non contribúe en nada á súa reinserción social" como recolle a Constitución de 1978

21 horas ao día na cela

Neste senso, desde a organización frontista demandaron o debate e votación da proposta á fin de reclamaren do Estado español o "escrupuloso respecto" dos dereitos fundamentais de Vigo "durante a súa permanencia en prisión" e a aplicación "de criterios obxectivos no seu réxime penitenciario" evitando, asegurou Vilar, "a aplicación arbitraria e non razoada xuridicamente" do réxime pechado no que se atopa Eduardo Vigo (FIES3) de acordo coa súa condición de preso "por pertenza a organización armada" o que lle obriga a permanecer na cela até 21 horas ao día. 

Malia os argumentos achegados polo edil nacionalista que tentou defender a urxencia da proposta, o Partido Popular impediu o seu debate en sesión plenaria, xunto coa abstención d@s concelleir@s do PSdeG-PSOE. 

Teo debaterá o traslado de Antom Santos

Este serán, será debatida no Concello de Teo unha proposta semellante en relación á situación do tamén preso Antom Santos Peres, natural da parroquia de Luou. As mocións presentadas polo BNG recollen as demandas d@s familiares e amig@s d@s pres@s independentistas en réxime de dispersión penitenciaria e que foron trasladadas ás forzas políticas através da plataforma social Que voltem para a casa!