Unhas 60 persoas exixen en Compostela a fin da dispersión para o preso independentista Eduardo Vigo

[Imaxe: @iriamendezgz]

Foi a primeira das concentracións convocadas pola plataforma Que voltem para a casa diante dos Concellos natais dos seis independentistas encarcerados. Na capital galega sumouse o concelleiro do BNG Rubén Cela.


Por volta de 60 de persoas concentráronse este 11 de Decembro diante do Concello de Santiago para reclamar o translado á Galiza do preso independentista Eduardo Vigo. Aos e ás concentradas uníuse tamén o concelleiro do BNG Rubén Cela.

A 385 quilómetros da Galiza

Preso desde o 31 de novembro de 2011, Eduardo Vigo (Angrois, 1985) foi xulgado na Audiencia Nacional española entre os días 24 e 27 de xullo. Nunha sentenza que non é firme aínda, condenárono a oito anos de prisión polos delitos de participación en "organización terrorista"; máis oito por tenza de explosivos "con finalidade terrorista"; e outros dous por falsificación dun documento oficial tamén "con finalidade terrorista". En total, 18 anos de cárcere e 9 anos de liberdade vixiada.

Segue preso en Mansilla de las Mulas, León, a 385 quilómetros da Galiza, se ben pasou primeiro polos centros penitenciarios de Córdoba (982km) e Navalcarnero (537km) pois cando foi xulgado levaba xa 21 meses, case dous anos, en prisión preventiva e submetido á dispersión.

Clasificado en primeiro grao e réxime FIES 3 --aplicado a integrantes de banda armada--, ten dereito  a tres horas de patio ao día, as comunicacións intervidas, oito chamadas telefónicas e dúas cartas á semana. Tamén pode recibir catro visitas ao mes: un bis à bis familiar de dúas horas e outras tres de 40 minutos de duración. 

Máis concentracións e mocións nos Concellos

As seguintes mobilizacións contra a dispersión decorrerán en Ames (Hadriam Mosquera, 'Senlheiro', 17 de decembro), Teo (Antom Santos, 23 de decembro) e Ordes (Carlos Calvo, 3 de xaneiro). 

Aliás, os cinco concellos debaterán tamén mocións en que a plataforma Que voltem para a casa reclama o translado destes cinco cidadáns a cárceres da Galiza, o "respecto escrupuloso" polos seus dereitos fundamentais e que remate a clasificación "colectiva, arbitraria e discrecional" en réxime FIES 3 para @s independentistas que son detid@s.