“O PP dá patente de corso a mineiras e eléctricas para asaltaren o territorio galego”

A Alianza Rural Galega mostra a súa preocupación pola proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza que impulsa do PP.

A proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galiza que o PP vén de presentar pola vía de urxencia xera preocupación a medida que se vai coñecendo o seu contido. A Alianza Rural Galega (Adega, CIG, Fruga e Organización de montes veciñais en man común) vén de alertar dos perigos que se agochan tras esta iniciativa do Partido Popular. “A norma é un auténtico caixón “desastre” que modifica pola porta de atrás outras disposicións (como as famosas "leis de acompañamento” dos orzamentos), coa intención de remover atrancos de todo tipo, a costa das garantías ambientais, do interese xeral e da participación pública”.

"Esta proposición de lei supón unha desregulamentación de facto, que elimina cautelas ambientais e dereitos dos administrados para outorgarlle patente de corso a empresas mineiras e pasteiro-enerxéticas"

Isto é, explica ARG, que o PP pretende que ningunha disposición ou control ou garantía administrativa supoña un obstáculo para “o medre de Galiza”, teña este crecemento o ciusto (social, ambiental, económico...) que teña. “A profunda modificación que sofren normas como a lei da minaría a lei eólica, ou a lei de montes, sempre no senso de reducir a participación pública e mesmo o papel doutras administracións da tramitación de proxectos de fondo impacto sobre o territorio, non xustifican esta tramitación express”, afirma a Alianza, desde onde formulan unha pregunta: “Dende cando o dereito á participación cidadá o bo goberno e a transparencia nos procedementos administrativos son considerados polo PP como “trabas”?”

 

Coa aprobación desta lei, a Consellaría de Industria mete baza alén de na lexislación propia, no medio ambiente, nos montes, no patrimonio, no tratamento dos residuos, ou na xestión hidráulica, “ficando como máximo órgano substantivo e arrogándose a potestade de decidir sobre aspectos chave doutras planificacións sectoriais”.