O PP nomeará "comendadores" do cocido de Lalín 'El Puma', unha 'miss mundo' e o alcalde de Miami

Imaxe de arquivo dun cocido galego. (Foto: Nós Diario)
Nun primeiro momento anunciárase que a cantante mexicana Paulina Rubio e o cantante portorriqueño Elmer Figueroa Arce 'Chayanne' tamén farían parte da nómina de comendadores. 

O Partido Popular (PP) nomeará como "comendadores" do cocido de Lalín José Luís Rodríguez, coñecido como 'El Puma', a "Miss Mundo" Alicia Machado, o alcalde de Miami, Francis Suárez; o comisario Joe Carollo e o produtor audiovisual Carlos Vasallo, nunha gala que terá lugar na cidade do estado de Florida (EUA).

Pese a que nun primeiro momento anunciaran que a cantante mexicana Paulina Rubio e o cantante portorriqueño Elmer Figueroa Arce 'Chayanne' tamén farían parte da nómina de comendadores, finalmente serán estes cinco persoeiros os encargados de representar o cocido galego a nivel internacional.

O acto, no que os novos embaixadores poderán degustar un cocido elaborado polos cociñeiros lalinenses Alberto Currás e Alberto Candia, está na axenda da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que realiza unha viaxe institucional a Miami para promover o Xacobeo 21-22.

Precisamente en Miami, Castro participou esta sexta feira na inauguración dun novo fito do Camiño de Santiago. Segundo a responsábel de Turismo, "o Camiño sitúa a Galiza no mundo e únenos por todos os continentes e países a través da fina liña debuxada polas frechas amarelas e dos fitos que estamos a situar en distintos países como símbolo do Xacobeo".

A representante do Goberno galego tamén participou na xornada 'A Galiza Trasatlántica', promovida por Abanca e que acolleu diversos encontros entre empresarios estadounidenses e galegos.