PP, BNG e PSdeG acordan potenciar o Panteón de Bonaval como símbolo da Galiza

Panteón de Galegos Ilustres (Foto: Museo do Pobo Galego)

O Panteón de Galegos Ilustres foi unha creación do movemento protonacionalista para dotar o país dun panteón nacional, na liña dos que se estaban creando en toda Europa. PP, BNG e PSdeG acordaron onte impulsar ese espazo como símbolo da Galiza.

PP, BNG e PSdeG rexistraron na xornada de onte unha proposición de lei para impulsar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como símbolo da Galiza. A iniciativa, asinada pola totalidade dos parlamentarios que conforman a Cámara galega, define o conxunto como “símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica, é o espazo físico destinado a honrar e perpetuar a memoria das persoas que teñan contribuído significativamente á afirmación da identidade da Galiza, ao seu coñecemento e á súa defensa, así como ao desenvolvemento do progreso do pobo galego, en particular, e da humanidade en xeral”.

O texto lexislativo pactado por todas as forzas con representación no Parlamento da Galiza sinala que “todos os pobos conservan a súa identidade e fan visíbel a súa continuidade histórica a través de símbolos. Entre eles os panteóns, como depositarios e custodios da memoria colectiva”. Nesta liña, fixa entre as súas funcións ser “un instrumento de recoñecemento e gratitude colectiva cara ás persoas que neles son honradas por teren destacado polos seus méritos; e, por outro, a memoria das súas obras e feitos serve de estímulo ás xeracións presentes para que traten de emular e superar os logros dos seus máis destacados devanceiros”.

A proposta desataca que “coa presente lei recoñécese o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un elemento singular da identidade da Galiza, de maneira que, tal e como evocara Afonso Castelao na súa Alba de Groria, pronunciada en Bos Aires o 25 de xullo de 1948, o Panteón, honrando ‘as nobres dignidades e os fortes caracteres que deu Galiza no decorrer da súa Historia’, sirva para que ‘co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro'”. Precisamente, a esta idea respondeu a creación do Panteón en 1891, na liña doutras iniciativas similares que se estaban a pór en marcha en toda Europa.

Un panteón nacional

A fundación do Panteón de Galegas e de Galegos Ilustres foi promovida polo movemento protonacionalista co obxectivo de dotar o país de símbolos nacionais. A idea xurdiu de Manuel Murguía e da súa Asemblea Rexionalista Galega, que o 25 de maio de 1891 impulsaron o enterramento de Rosalía de Castro neste espazo, naquela altura exclaustrado do antigo convento de San Domingos de Bonaval. O traslado dos restos mortais da escritora desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, Padrón (comarca de Sar) até Compostela, deu conta da vitalidade da reivindicación galega nun contexto politicamente tan adverso como o da I Restauración borbónica.

A proposición de lei presentada onte determina que neste espazo “honraranse as galegas e galegos que se teñan distinguido ao longo da súa vida polos servizos prestados á Galiza”. Así, refírese a persoas destacadas “na defensa dos valores compartidos polo pobo galego”, “na reivindicación da cultura, da lingua galega e da personalidade histórica da Galiza”, “na contribución ao coñecemento científico, o desenvolvemento das ciencias humanas, sociais, naturais, da saúde, ou tecnolóxicas” e  “na creación artística e literaria galega”.

O proxecto de lei formalizado na quinta feira delega a gobernanza do conxunto na Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. A mesma estará presidida polo presidente da Cámara galega e dela farán parte os membros da Mesa do Parlamento, así como representantes da Xunta da Galiza, do Concello de Compostela e da Arquidiocese de Santiago de Compostela, titular do inmóbel desde 2006, após a súa inmatriculación ao abeiro do disposto na Lei hipotecaria aprobada polo Goberno de José María Aznar en 1998. A este respecto, fontes coñecedoras da negociación destacaron a boa disposición das actuais autoridades relixiosas en potenciar o Panteón.

As forzas políticas con presenza na Cámara galega valoraron moi positivamente o acordo. Neste sentido, o Partido Popular significou “o amplo acordo social e político dirixido a institucionalizar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Un acordo que ten como obxectivo que o Panteón desempeñe un papel vivo e activo como lugar de encontro, aprendizaxe e alento do sentir da comunidade dos galegos e galegas de dentro e de fóra do país”. Na mesma dirección, o presidente galego, Alfonso Rueda, cualificou a decisión de "boa noticia" que amosa que "hai cousas" nas que as forzas políticas son "capaces" de pórse de acordo.

A deputada nacionalista Olalla Rodil asegurou que “o panteón é un emblema nacional, e coa lei garántese o dereito da cidadanía a honrar as persoas soterradas neste espazo". Neste sentido, explicou que “a lei permitirá esta xestión pública, a través dunha fundación dependente do Parlamento galego, e desde o BNG celebramos a forma acordada dunha demanda histórica do nacionalismo galego para que ese espazo sexa de xestión pública”.

O voceiro socialista, Luís Álvarez, indicou que “os grupos parlamentarios demostraron a capacidade de chegar a acordos e consensos unánimes cun elemento tan importante para a historia da Galiza” e salientou “a transcendencia deste acordo unánime cando prima a disensión política e a confrontación”. Neste sentido, destacou o novo “marco de funcionamento con vocación de permanencia que evite todos os problemas rexistrados até o momento”.

Cinco galegos ilustres soterrados en San Domingos de Bonaval

A historia do Panteón arranca de 1891. O 25 de maio dese ano, os restos de Rosalía de Castro, finada en Padrón en 15 de xullo de 1885, eran trasladados desde o cemiterio de Adina, na parroquia padronesa de Iria Flavia, para ser soterrados en San Domingos de Bonaval. O acto, promovido polo movemento protonacionalista, liderado na altura polo historiador e viúvo da poeta, Manuel Murguía, recibiu críticas dos sectores máis reaccionarios da sociedade polo seu carácter patriótico. Comezaba así a historia para dotar a Galiza do seu mausoleo nacional.

O xurista, economista e dirixente protonacionalista Alfredo Brañas foi a segunda persoa enterrada neste espazo. O seu soterramento efectuouse en 1906, seis anos despois do seu pasamento. Porén, houbo que gardar até 1961 para que San Domingos de Bonaval volvera acoller outro galego ilustre, neste caso o artista plástico Francisco Asorei, autor dalgunhas das esculturas máis significadas da nosa historia e militante das Irmandades da Fala.

Os últimos soterramentos desenvolvidos no Panteón foron os do poeta Ramón Cabanillas, do xeógrafo Domingos Fontán e do político Daniel Castelao. O primeiro, en 1967, o segundo en 1968, e o terceiro en 1984, 34 anos máis tarde do seu pasamento no exilio arxentino. O traslado de Castelao a Bonaval non estivo exento de polémica, ao considerar unha parte do nacionalismo que se trataba dunha operación política para lexitimar o réxime autonómico e branquear o pasado franquista dalgúns dos seus impulsores.