O PP de Baiona esixe a retirada dunha exposición feminista: “En nada beneficia ás mulleres”

Mostra (Foto de Val Miñor TV)

A Marcha Mundial das Mulleres, que coorganiza a mostra Corpos, feminismos e territorios, que se exhibe na entrada ao Concello, denuncia “censura”.

O PP de Baiona exixíu ao alcalde da localidade, Carlos Gómez, a retirada inmediata da exposición fotográfica titulada Corpos, Feminismo e Territorios” da entrada do Concello ao considerar que as imaxes na mesma poden ferir a sensibilidade da veciñanza.

“O grupo municipal popular é firme defensor da liberdade de expresión e sempre traballou pola igualdade entre homes e mulleres, ademais de ser partícipe incuestionable na loita activa contra a violencia de xénero. Con todo, estamos convencidos de que esta exposición non só non é afortunada senón que en nada beneficia ás mulleres e, aínda por riba, vulnera o respecto á sensibilidade dos cidadáns e cidadás”, indican

A Marcha Mundial das Mulleres, que coorganiza esta mostra, acusa o PP de Baiona de “censura” e indica que denunciou a exposición Corpos, Feminismos e Territorios que se expuña no Concello no marco do Outubro Diverso “baixo o pretexto de resultar ofensiva aos sentimentos relixiosos e amosar corpos de mulleres nús nun espazo habilitado para todos os públicos”.

MMM explica que esta exposición “ocupa un lugar público porque é no espazo público que o feminismo precisa facerse visíbel para disputar co discurso machista, remover, provocar e transformar”.

“A moral e as ideas relixiosas son, estas si, unha cuestión do ámbito privado de cada quen e non poden afectar nin influír nas decisións políticas. Non ven ao caso apelar a unha suposta ofensa dos sentimentos relixiosos para demandar a retirada da exposición [...] Rexeitamos que no nome de calquera crenza, se censure a nosa ollada e a das compañeiras sobre a nosa vida e a nosa existencia, e iso inclúe os nosos corpos”, argumentan.

A exposición Corpos, Feminismos e Territorios é unha “exposición fotográfica que aúna arte e reflexións e intervención política, e mesmo que non o fose, a censura da súa exposición pública no Concello de Baiona é inaceptábel”,.

Considera a Marcha que a pretensión de censurar esta exposición “é a enésima mostra do conservadurismo da dereita e apelamos ao resto de forzas políticas a non ceder ante estas posicións”