O PP de Arzúa queda só ao oporse á conmemoración de Moncho Reboiras

Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)

O PP de Arzúa cualifica o monólito en homenaxe a Moncho Reboiras promovido polo Concello de "imposición ideolóxica", malia que noutros concellos avalan os recoñecementos á súa figura.

O PP de Arzúa vén de facer público un comunicado no que expresa o seu "absoluto rexeitamento" á decisión do Concello de instalar un monólito en lembranza de Xosé Ramón 'Moncho' Reboiras, no marco do 50 aniversario do seu asasinato a mans da policía franquista.

O Goberno local anunciou esta semana a colocación dun monumento conmemorativo ilustrado por Leandro Lamas, en colaboración coas fundacións Galiza Sempre, Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e Moncho Reboiras, sumándose así aos actos organizados en distintas cidades galegas para lembrar ao militante nacionalista e sindicalista, recoñecido oficialmente como última vítima mortal do franquismo na Galiza.

No seu comunicado, o PP arzuán considera que a iniciativa supón "unha deriva ideolóxica" e "unha imposición política", ao tratarse, din, dunha figura "sen relación algunha" con Arzúa. O voceiro popular, Rafael Rivadulla, criticou que se empreguen "cartos dos veciños para levantar un monólito a unha figura radical". O grupo popular reclama transparencia sobre o custo da homenaxe e comprométese a retirar o monumento se chega ao Goberno local.

A postura do PP de Arzúa contrasta, aliás, coa doutras institucións e cargos do mesmo partido noutros concellos. En Ferrol, por exemplo, o propio Goberno municipal presidido polo popular José Manuel Rei Varela rectificou e deu marcha atrás ao seu veto inicial á familia Reboiras e permitiu a súa intervención nun actos de homenaxe aos represaliados polo franquismo.

En Compostela, o pleno aprobou sen ningún voto en contra —tampouco do PP— dedicar un espazo público ao militante nacionalista, destacando o seu papel na loita pola democracia e os dereitos nacionais da Galiza.

Mesmo a Televisión da Galiza, dirixida por Concepción Pombo, designada polo PP e validada coa maioría absoluta que posúe no Parlamento galego, estreou o 12 de agosto o documental Reboiras. Acción e corazón, dirixido por Alberte Mera, coincidindo co 50 aniversario do seu asasinato, nunha homenaxe audiovisual emitida en horario de máxima audiencia e para todos os públicos.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, defendeu que o monólito pretende "preservar a memoria democrática e reparar as vítimas do franquismo", nun exercicio de responsabilidade institucional e de "compromiso cos valores da liberdade e a convivencia".