O PP afirma que “os que saben disto” avalan o recorte en cirurxía pediátrica no Hospital de Ourense

chou-3

O BNG exixe medidas para evitar que familias con nenos teñan que percorrer centos de km até Vigo para recibir ese servizo. AGE acusa aos populares de desmantelar a sanidade pública en Ourense e o PSdeG pide a Sanidade “que deixe a soberbia e escoite aos ourensáns”.

“Unha familia de Ourense cun neno 9 anos con apendicite tivo que se desprazar a Vigo e pasar alí unha semana mentres menor hospitalizado. A nai dixo “puiden estar eses días co meu fillo porque estaba de vacacións, se estou no traballo como me ausento unha semana enteira?”. A deputada do BNG Tereixa Paz iniciou a súa intervención no Parlamento para falar sobre o desmantelamento do servizo de cirurxía pediátrica en Ourense con esta historia persoal. E, de seguido, lembrou que eses desmantelamento provoca centos de historias como estas.

Antes do verán no Hospital de Ourense había catro cirurxiáns pediátricos. Agora hai só dous. O que motiva que se deriven nenos (“que percorren máis de 200 Km”) a Vigo para ser atendidos (“e o Hospital de Vigo xa está saturado nesta especialidade”). BNG, AGE e PSOE instaron á Consellería de Sanidade a solucionar xa un problema que afecta a moitos ourensáns.

Como moito, unha auditoría

Por banda do PP, Santalices botou man do dito de “se queres que algo non se resolva, encarga un estudo” e propuxo facer iso, un estudo, sobre como está a situación neste departamento do Hospital de Ourense. “Propoño que se faga unha auditoría, pero xa, e despois tomar as decisións”. Unha frase que lle valeu o retruque de Carme Acuña (PSdeG): “Logo vostedes aprobaron a resolución sen facer un estudo antes?”.

Para o popular, “os que saben disto” dixeron que “o persoal que hai é suficiente”. “Estamos no ratio adecuado de persoal especializado”, engadiu.

Facer algo

A deputada do BNG preguntou a Santalices “por que primeiro non dotan o servizo do persoal necesario para que nenos e familias non teñan que ir de Ourense a Vigo e despois fan esa auditoría?”. Eva Solla, de AGE, lembrou que mesmo a Deputación de Ourense (PP) se queixou da situación, e acusou á Consellería de desmantelar a sanidade pública en Ourense.