Povisa asegura que a orde de reducir probas débese a “recomendacións médicas”

povisa

Un comunicado do Hospital Povisa sinala que a orde transmitida ao seu cadro de persoal en relación á redución da realización de probas está motivada por “recomendacións médicas”. Retrucou así ao BNG após a organización nacionalista ter denunciado a medida comunicada pola dirección de Povisa ás traballadoras e traballadores.

O centro hospitalario de Povisa xustifica en “recomendacións médicas” a orde transmitida ás súas traballadoras e traballadores en relación á redución de realización de probas.

O hospital privado vigués sinalou que as directrices incluídas na comunicación ao cadro de persoal buscan "mellorar a calidade da atención" ao eliminar probas e consultas que "non acheguen valor engadido desde o punto de vista médico" para evitar "posíbeis prexuízos" ás e aos pacientes, afirman.

O hospital privado vigués sinalou que as directrices incluídas na comunicación ao cadro de persoal buscan "mellorar a calidade da atención" ao eliminar probas e consultas que "non acheguen valor engadido"

As traballadoras e traballadores tiveron coñecemento desa medida por medio dunha comunicación interna da empresa na que se daba como instrución “reducir todas as actuación (consultas, probas, intervencións...) en doentes do Sergas que non lles aporten ningún valor engadido” e, en segundo lugar, “aproveitar esa liberación de recursos para mellorar cada vez máis o tempo de resposta a doentes privados”.

Así  o denunciou o BNG no día de onte, 17 de xullo, pedindo ademais a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para explicar "o recorte" levado a cabo por Povisa na súa atención ás e aos pacientes do Servizo  Galego. A parlamentaria nacionalista Montse Prado xunto co concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas realizaron esta solicitude ás portas do centro médico após un encontro co comité de empresa.

Como explica a portavoz parlamentaria de Sanidade no BNG, Montse Prado, “esta información fai saltar todas as alarmas, toda vez que eses obxectivos fixados pola dirección do centro privado afectan, ou poden afectar, á cidadanía que ten asignada a súa asistencia sanitaria pública nese hospital”.

Montse Prado afirmou que “esta información fai saltar todas as alarmas, toda vez que eses obxectivos fixados pola dirección do centro privado afectan, ou poden afectar, á cidadanía"

A deputada nacionalista tamén fai referencia “á opacidade e o escurantismo” habitual en Povisa cando se trata da presentación da súa contabilidade. “Non ofrece información desagregada do gasto que destina a atender a doentes públicos e a privados, utiliza o mesmo persoal para prestar a asistencia sanitaria pública que a privada e descoñécese se as innovacións tecnolóxicas as imputa ao concerto ou corren por parte do hospital”, citou a modo de exemplos desa falta de transparencia.

Sermos Galiza xa informara o pasado 9 de xullo do obxectivo de Povisa de reducir as actuacións en pacientes do Sergas “que non achegen valor engadido”, a raíz da denuncia da CIG e da súa esixencia dunha “investigación inmediata e transparente” sobre este hospital de referencia para miles de vigueses e viguesas.

A central sindical nacionalista acusou a empresa de querer "liberar recursos" para prestar unha mellor atención aos "pacientes privados".