Pedro Marcos, Pneumólogo: "No posto de traballo debérase levar a máscara e estar atentos á ventilación"

O pneumólogo Pedro Marcos Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
Pedro Marcos, especializado en pneumoloxía, é director médico de hospitalización e urxencias da área sanitaria da Coruña e Cee. En conversa con Nós Diario, resalta a importancia de levar máscara cando nos encontramos nun espazo fechado con persoas coas que non convivimos ou de tentar trasladar o ocio ao aire libre. 

Cos datos actuais, podemos falar dunha segunda vaga?
Eu creo que xa sen ningunha dúbida, pódese ver a nivel europeo e estatal. Dentro da Galiza estamos xa en plena segunda onda.

En base á experiencia e investigacións destes meses, cales son as condicións que facilitan un contaxio?
Aprendemos día a día desde marzo. Na primeira vaga comprobamos que os contaxios son máis probábeis en lugares moi fechados, nos que se concentra moita xente que fala alto ou que canta, dan lugar a brotes máis descontrolados. A día de hoxe moitos gromos prodúcense nas relacións familiares ou de amizade. Culturalmente cústanos manter as distancias, baixamos a garda e quitamos a máscara. Aí xorden bastantes casos.

Hai estudos que falan da propagación do virus a través de aerosois (gotas microscópicas que expulsamos ao respirar), con casos de contaxios mesmo cando se garda a distancia.
Si, é das cousas que aprendemos. En cambio, en espazos fechados e mal ventilados nos que hai persoas xuntas durante un tempo, sobre todo se falan (tamén se amosou que o ton da voz inflúe), os aerosois teñen unha responsabilidade maior nos contaxios. Ás veces incluso aínda que se leve a máscara correctamente. No exterior non hai risco cero, pero é practicamente mínimo.

Considera daquela que nos espazos de traballo se deben adoptar as mesmas medidas que, por exemplo, nun colexio? Máscara obrigatoria sempre e ventilación?
No posto de traballo, está claro que se debera levar a máscara. E estar atentos a ver se se pode ventilar ou non. Tamén é certo que non temos detectado demasiados casos en oficinas, por exemplo. Con todo, hai que apostar polo teletraballo e tentar reducir a presencialidade. E ter especial coidado nas áreas de descanso, con máquinas no café, onde subimos e baixamos as máscaras ao falar.

Volvendo aos contaxios ao aire libre, ten daquela fundamento fechar os parques infantís?
Na medicina pode pasar case calquera cousa, pero o que di a experiencia é que ao aire libre, nos parques, a probabilidade de infección é baixísima. Máis agora, que temos que levar obrigatoriamente a máscara. Pode que se indique o seu fechamento buscando indirectamente outro obxectivo, pero non directamente para impactar nas infeccións.

Temos que trasladar a nosa socialización a paseos ao aire libre ou ao ocio no exterior?
Sen dúbida, toda vida social que poidamos facer ao aire libre será beneficiosa. Sen acumular persoas, claro. É certo que na Galiza temos o tempo que temos, pero penso que si que está comezando a mudar o comportamento.

Coa baixada de temperaturas preocúpalles a confluencia da Covid-19 con outras infeccións respiratorias?
Desde logo, pero penso que hai que intentar velo dunha maneira optimista. A gripe ataca moito os nosos anciáns e anciás, e tamén temos en conta os virus respiratorios que contaxian os nenos. Pero observo como en Australia, por exemplo, a gripe foi practicamente ridícula. Digo pensar en positivo porque a gripe e o coronavirus combátense cos mesmos escudos, as máscaras, o lavado de mans. Tamén a vacina no caso da gripe, claro. Póndonos na situación de que o coronavirus desapareza polo menos déixanos esas medidas para a gripe, que sabemos que non vai desaparecer.

Medidas como a máscara chegaron para quedar?
Por suposto. Aínda que nun escenario no que se erradique o coronavirus, se iso acontece, penso que será común empregala na época invernal, cando chegue a gripe. Non se percibirá como unha rareza ver unha persoa pola rúa ou cando accede a un centro hospitalario con máscara. 

Volvendo a esta segunda vaga, como están a percibila no día a día no hospital?
A finais da semana do 19 comprobamos un cambio de tendencia, con máis doentes diagnosticados no día a día. Por iso advertimos que se estaba a perder un pouco o control da situación, con máis casos na rúa. Hai unha porcentaxe deses doentes diagnosticados que requiren hospitalización, e destes, uns poucos, o ingreso nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Temos máis casos que no repunte de finais de agosto, con máis de 90 ingresados, e sabemos que os vindeiros días serán duros. Hai un plan de continxencia e estamos preparados.