Dous positivos no Camiño obrigan a regresar a medio cento de peregrinos a Madrid

Varios peregrinos percorren a última etapa do Camiño de Santiago. (Foto: Arxina).

Dous positivos por Covid nun grupo de 52 peregrinos, detectados no municipio de Portomarín, obrigaron a frear a súa andaina pola ruta francesa do Camiño de Santiago. As dúas persoas contaxiadas regresaron esta segunda feira a Alcalá de Henares, mentres que o resto puxo rumbo a Madrid poucas horas despois dos primeiros.

Segundo o relato do alcalde de Portomarín, Juan Serrano, o aviso destes dous casos positivos na localidade chegoulle sobre as tres da tarde desta segunda feira. "Chamaron as autoridade autoridades sanitarias dicindo que nun grupo pechado, como se lles chama, que poden estar nos albergues ocupando máis de 30% da súa capacidade, había dous positivos e que había que confinalos".

Os 52, veciños de Alcalá de Henares, viñan de facer a etapa desde Sarria e paraban nun albergue privado. O alcalde púxose en contacto co responsábel do grupo para tratar de "sacalo da circulación". Tras comunicarlle os positivos e abrir "o albergue de emerxencias que temos preparado para isto", os peregrinos quedaron confiandos sobre as 16 horas.

As autoridades locais procederon a organizar o traslado dos dous positivos e un dos responsábeis do grupo até "o seu lugar de orixe, Alcalá de Henares". A continuación, xestionaron o transporte para "o resto do grupo, que podería estar incubando a enfermidade", que partiu cara a Madrid contra as 23 horas.

Camiño seguro

Malia a detección deste surto, Juan Serrano insiste en que o Camiño a Santiago é "seguro", ademais de destacar a "importante" presenza de peregrinos en Portomarín, máis visíbel "polas tardes".

Tanto é así que o alcalde asegurou que desde o mes pasado mantense unha ocupación de 100% das prazas hostaleiras con que conta o concello, sobre 1.700.

Así mesmo, aclarou que aquí non se inclúen "as casas privadas que se alugan", á vez que lembra que nos albergues está limitada a súa capacidade a un 30% se non se trata de grupos "burbulla".