Os positivos na expedición do Fuenlabrada elévanse a 18, ao confirmar o Sergas seis novos casos

Os xogadores están confinados no Finisterre, na Coruña.

Os integrantes da expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada desprazada á Coruña infectados por coronavirus son xa un total de 18, despois de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ratificase que hai seis novos diagnosticados.

Segundo informou o Sergas, os resultados obtidos nas probas realizadas polo laboratorio de microbioloxía da área Sanitaria da Coruña este domingo confirman que son 18 os casos positivos, incluídos os 12 previamente diagnosticados como positivos o pasado xoves por este mesmo laboratorio.

Con todo, o pasado sábado o Club de Fútbol Fuenlabrada anunciara 12 novos contaxios, até sumar un total de 28 positivos no equipo. "Os outros oito novos casos levan dando negativo desde o sábado 18" e, "pasados oito días e a pesar de estar illados nas súas habitacións o últimos seis, hoxe os resultados deron positivo", afirmou o club o pasado sábado.

 Pasada quinta feira o club de fútbol xa anunciara pola súa conta positivos entre o seu cadro, sen esperar ás autoridades sanitarias autonómicas.

Así, unhas catro horas antes de ser coñecidos os resultados das probas do Sergas, o Fuenlabrada fixera públicos na tarde da quinta feira cinco novos contaxios por COVID-19, aínda que segundo os seus cálculos, un estaría pendente de aclarar.

O proceder do club de fútbol orixinou que a Xunta emitise un comunicado a última hora da tarde do xoves no cal cargaba contra LaLiga e o Club de Fútbol Fuenlabrada polos incumprimentos de forma "reiterada" da normativa sanitaria e lamentaba que "reincidan" na realización de tests de Covid-19 sen polo en coñecemento da Consellería de Sanidade, o que supón un incumprimento da normativa vixente.