Os positivos diarios dispáranse en Lugo até alcanzar os 114

Persoal sanitario acode a unha residencia (Foto: Europa Press).
No cómputo global da Galiza aumentan lixeiramente até os 640 diarios, fronte aos 625 de onte. A área de Vigo continúa como foco, con 214 novos casos, mentres a Compostela ten a maior caída con 52, case a metade dos que se coñecían un día atrás. 

A Galiza notifica 640 positivos por coronavirus en 24 horas, o que implica un lixeiro aumento (15) a respecto dos 625 do día anterior.

Así, mentres a área sanitaria de Vigo se mantén como foco, con 214 novos casos (catro menos), a de Lugo-A Mariña-Monforte dispárase até os 114 casos, 72 máis que a xornada previa.

De acordo cos datos actualizados diariamente pola Consellaría de Sanidade, tamén experimentan ascensos, se ben máis moderados, a área de Ferrol, con 50 novos infectados nun día (catro máis), e a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 43 (nove máis). Con todo, estas dúas son as zonas que menos novos contaxios rexistran este sábado.

Pola súa banda, baixan os positivos diarios na área sanitaria de A Coruña-Cee até 103 (oito menos ca onte); a de Santiago-Barbanza, cunha caída importante até os 52 -o que supón 43 novos casos menos; e a de Pontevedra-O Salnés, con 64 novos contaxios (un menos en relación a onte).

Ademais, Sanidade recolle até a data 789.671 PCR realizadas na Galiza, o que implica que en 24 horas se fixeron 9.003 probas, unhas 700 máis que as da xornada anterior.

Destas, 7,3% foron resultados positivos. Así, só a área de Santiago-Barbanza, con 2,2% de positividade, logra situarse por baixo de 5%, límite que marca a Organización Mundial da Saúde.

As taxas máis altas foron as das áreas de Lugo (13,7%) e Ferrol (12,4%), tras as que se sitúan Vigo (10,9%), Pontevedra (6,3%), Ourense (6,1%) e A Coruña (6%).

Altas e casos activos

Igualmente, os datos de Sanidade reflicten que nas últimas 24 horas recibían a alta 630 persoas diagnosticadas de Covid-19, co que o número de casos curados desde o comezo da pandemia é de 34.254.

Porén, na tarde da sexta feira a Consellaría notificaba 10 novos falecementos con coronavirus (catro deles procedentes dunha residencia), polo que o cómputo global de vítimas mortais na Galiza ascende a 1.056.

Os casos activos volven anotar un ascenso, concretamente de 22, até o total de 9.554.

Das sete áreas sanitarias, tres descenden este sábado o número de pacientes con Covid-19 en relación á sexta feira: Compostela, cun total de 1.085 (43 menos ); Ourense, con 856 (18 menos); e Ferrol, con 872 (43 menos).

O resto aumentan a cifra de casos activos, coa maior concentración en Vigo, con 2.508 pacientes (58 máis). Séguena a área da Coruña, con 1.847 (7 máis); Pontevedra, con 1.277 (7 máis); e Lugo, con 1.109 (56 máis).