Social

Seis positivos en COVID-19 entre as profesionais de farmacia na Galiza

Interior dunha farmacia (Europa Press).
Segundo o balance do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos faleceron oito profesionais deste eido por coronavirus en todo o Estado. 

Seis profesionais de Farmacia deron positivo en COVID-19 na Galiza. Ademais, unha oficina de farmacia permanece pechada e outras catro farmacias galegas teñen algunha traballadora ingresada ou en corentena.

Así consta no balance do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, con datos actualizados até este terza feira. En total no Estado: oito farmacéuticas faleceron por coronavirus (seis de Madrid, un da Rioxa e unha de Cidade Real), 276 están ingresadas ou en corentena, 57 farmacias están pechadas e 126 oficinas teñen algunha traballadora afectada.

A Galiza vai por baixo da media estatal ao ter só unha oficina de farmacia non aberta, seis casos de farmacéuticas e catro farmacias con persoal ingresado ou en corentena.

Ante estos datos, as farmacéuticas insistiron na necesidade de que as profesionais "extremen a precaución, seguindo os consellos dos procedementos que se elaboraron para a protección, tanto das traballadoras das farmacias como das usuarias". Ademais, lembran á cidadanía a necesidade de seguir os consellos das profesionais de Farmacia cando acudan ás farmacias, algo que deben facer só nos casos necesarios.

"Máximas garantías de seguridade"

O presidente do Consello Xeral, Jesús Aguilar, trasladou as súas condolencias a familiares e amizades das persoas falecidas e expresou o desexo de que se recuperen as que permanecen afectadas.

"As farmacéuticas, como profesionais sanitarias máis próximas e accesíbeis, estiveron e están a atender aos cidadáns antes de que fosen a outros centros sanitarios ou lles fose confirmado o contaxio. Lembramos a necesidade de implantar as máximas garantías de seguridade e de que as farmacéuticas conten con equipos de protección individual (EPIS)", salientou o seu presidente.

Neste sentido, Aguilar tamén insistiu na petición ao ministro de Sanidade de que inclúa ás farmacéuticas entre as profesionais sanitarias aos que se lles están realizando probas de detección do COVID-19, como xa ocorre nalgúns territorios do Estado.