Os positivos en coronavirus xa superan os 2.500

Un sanitario sostén unha mostra para realizar unha análise PCR (Europa Press).

O número de casos activos de Covid-19 na Galiza segue en aumento, con 128 máis, e sitúase en 2.580. Esta xornada increméntanse os contaxios en todas as áreas, en especial na de Santiago e Barbanza, con 55 máis.

Así se desprende dos datos actualizados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade, que indican que do total de pacientes positivos, 13 permanecen en UCI (igual que onte), 73 atópanse en unidades de hospitalización convencional (3 máis), e 2.494 en seguimento domiciliario (124 máis a respecto da xornada anterior).

Dos 2.580 casos activos, 1.240 corresponden á área da Coruña e Cee (catro máis que este luns); 352 á de Lugo (31 máis); 329 á de Santiago (55 máis); 170 á de Vigo (15 máis), 147 á de Pontevedra e O Salnés (seis máis); 224 á de Ourense (12 máis); e 118 á de Ferrol (cinco máis).

Así mesmo, Sanidade sinalou que, até o momento, curáronse 12.019 persoas, 63 máis que a xornada pasada. Desde o inicio da pandemia morreron con Covid-19 na Galiza 633 persoas, das que 278 eran usuarios de centros residenciais (as plataformas de familiares de persoas usuarias sinalan que son máis e denuncian a falta de transparencia por parte da Xunta). Destes 278, segundo o Goberno galego, 134 afectados faleceron dentro de centros xeriátricos.

Do total de 2.580 casos activos, 88 están vinculados a centros residenciais, (68 usuarios e 20 traballadores). Este último parte inclúe unha traballadora da residencia Volta do Castro de Compostela e mais un usuario da residencia Orpea de Culleredo. O centro de maiores do Incio conta con 56 usuarios infectados; Orpea Culleredo con 11 e 1 en Domus Vi Lalín.

A respecto de traballadoras e traballadores, ademais dos oito afectados do Incio, hai 2 en DomusVi Lalín, 4 en Orpoea e 1 en DomusVi Monforte; Paradela; San Bartolomeu de Xove; DomusVi de Barra de Miño, en Coles, e en Volta do Castro.

O número de PCR realizadas até a data chega ás 308.162, segundo os datos de Sanidade.