Os positivos por coronavirus na Galiza non chegan a 1%

Unha persoa sométese a un test rápido (Europa Press).
Colexios médicos prevén que se confirme unha baixa circulación do novo Coronavirus na Galiza e piden rastexadores da COVID-19 no marco dunha forte estratexia de control de novos casos.

Representantes dos colexios de médicos da Galiza sitúan en menos de 1% os casos positivos por SARS-CoV-2 no marco do estudo epidemiolóxico que desenvolve o Sergas para coñecer como circulou o novo coronavirus por todo o territorio galego.

O vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Manolo Rodríguez Piñeiro, mantén "a sospeita de que os tests son defectuosos" porque "deron negativo en xente que pasou o virus". Neste sentido, considera que "ou se están facendo mal as tomas ou os tests non valen", e polo tanto, pon en dúbida a fiabilidade desta investigación que arroxa unha porcentaxe moi alta de negativos. "Non ten sentido", asegura.

Tests defectuosos

Desde a organización colexial de Ourense, á vista dos resultados das probas realizadas até o momento, defenden a mesma impresión. Para José Luís Jiménez, presidente da entidade, a incidencia da COVID-19 entre a poboación semella escasa, "inferior a 1%". Con todo, difire na deficiencia dos tests. "Non creo que sexan defectuosos. Son fiábeis, pero con limitacións. Os falsos negativos existen".

Jiménez matiza que os tests empregados presentan un "nivel de sensibilidade baixo", polo que prevé que se vaian "escapar 40% de positivos". A propósito da aparente falta de influencia do novo coronavirus entre a poboación galega, o presidente do Colexio de Médicos de Ourense estima que "por unha banda é boa". Indica que o virus circulou pouco polo país, mais tamén significa que as persoas que non entraron en contacto co virus están máis expostas á súa reaparición.

Detección precoz

Neste sentido, José Luís Jiménez insiste en que "a estratexia de control de novos casos debe ser extremada" nas sucesivas fases de desconfinamento e recalcou a importancia da "detección precoz dos novos infectados" mais dos seus contactos.

O colectivo médico reclama probas PCR e "non tests rápidos" cando se detecte un caso sospeitoso e incide na necesidade do contar con "rastrexadores" suficientes para identificar e completar o seguimento tanto dos casos novos como dos seus contactos, xa que calculan que cada novo diagnóstico "suporá unhas 13 horas de traballo".

As profesionais que participan no estudo epidemiolóxico da Xunta proseguen coa recollida de mostras para finalizar a primeira fase esta sexta feira.