Un positivo por Covid-19 no colexio Salesianos de Vigo provoca o illamento de 24 estudantes de Primaria

Imaxe dun dos accesos ao centro educativo. (Foto: Web Colexio Salesianos María Auxiliadora)
Tamén permanecen fechadas dúas aulas do CEIP Outeiro das Penas de Cesantes, en Redondela, porque dous irmáns están a padecer a enfermidade. Tanto o estudantado de 2º de Primaria como o de Infantil será sometido ás probas PCR para descartar máis contaxios.

Os gromos xurdidos nas escolas de Educación Infantil e Primaria de toda Galiza non paran desde que deu comezo o curso. Coas medidas para comezar as clases no Ensino Secundario aínda en debate, unha nova escola vese obrigada a deixar en corentena a parte das súas alumnas e alumnos.

Esta cuarta feira sóubose que o Colexio María Auxiliadora (Salesianos) de Vigo decidiu illar ao estudantado dunha clase de Primaria, aliás da súa profesora, tras confirmarse que unha das nenas era positivo pola Covid-19.

A dirección púxose en contacto coas familias dos compañeiros para explicarlles que unha alumna de 5º de Primaria era un caso activo de coronavirus polo que tanto a titora da clase como o resto das e dos alumnos (un total de 23) tiñan que permanecer en corentena. O grupo será sometido a probas PCR.

Salesianos marcou un período de illamento de 14 días aínda que os test do resto da clase den negativos, porque se considera que forman parte dun grupo estábel de convivencia. Outras tres docentes que tiveron contacto puntual coa afectada serán sometidas ás probas, mais non estarán confinadas se non dan positivo.

Dúas aulas fechadas en Redondela

Ademais, o CEIP Outeiro das Penas de Cesantes, pertencente ao municipio de Redondela, ten dúas aulas fechadas e a dúas docentes e 48 alumnas e alumnos en corentena. Esta medida tomouse após que se detectaran dous casos activos entre o estudantado.

As primeiras PCR descartaron, polo de agora, que haxa novos contaxios. O centro soubo da situación porque comunicouna o propio neno de 2º de Primaria e, posteriormente, fíxoselle a proba á súa irmá menor (asistente a Infantil na mesma escola), que tamén deu positivo.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes do propio centro e do Concello de Redondela, a medida tomouse despois de que un alumno de segundo de Primaria comunicase o seu positivo ao colexio. Ao realizarlle as probas ao núcleo familiar, tamén se constatou que a irmá menor do neno estaba contaxiada (alumna de Infantil do mesmo centro).

Os exames para saber se as e os máis pequenos teñen o virus faranse ao longo do día de hoxe.

A pesar da situación, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, fixo unha chamada "á tranquilidade" porque son hai un centro afectado no concello. Ademais asegurou que hai "unha coordinación permanente" entre o Consistorio e a Consellaría de Sanidade. En total, na vila, hai 11 casos activos.