O condutor do accidente de Xove, no que morreron catro mozos, dá positivo en alcol

Un vehículo con guindastre trasladando o coche accidentado. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Tamén está a ser investigado o outro sobrevivente, de 18 anos, por se incorreu nun delito de omisión de socorro "ao ausentarse do lugar do sinistro sen socorrer os outros ocupantes do vehículo nin demandar auxilio".

O condutor do vehículo sinistrado en Xove (A Mariña), no que faleceron catro mozos e outro resultou ferido, deu positivo en consumo nas probas de alcolemia practicadas após o accidente. A semana pasada, o Xulgado de instrución número 2 de Viveiro, en funcións de garda, abriu dilixencias sobre o sinistro e autorizou a remisión de mostras de sangue a un laboratorio.

Segundo informou esta cuarta feira a Garda Civil, que practica as primeiras pescudas do accidente para a súa remisión ao xulgado, tamén procedeu a investigar o outro ocupante sobrevivente —un dos dous que levaban o cinto de seguridade posto— para determinar se incorreu na comisión dun delito de omisión do deber de socorro, "ao ausentarse do lugar do sinistro sen socorrer os outros ocupantes do vehículo nin demandar auxilio".

O accidente produciuse o 1 de abril no quilómetro 1.100 da estrada LUP-2604. O condutor resultou ferido de gravidade, polo que foi ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Lucus Augusti da cidade amurallada, mentres o outro sobrevivente, de 18 anos de idade, foi dado de alta ás poucas horas de ser atendido polos servizos sanitarios. O delito polo que se investiga este mozo está tipificado no artigo 195 do vixente Código Penal e pode carrexar unha pena de multa de tres a doce meses.

Por outra parte, trasladaron as mesmas fontes, o persoal investigador xa dispón dos resultados das análises oficiais das probas toxicolóxicas que se realizaron ao condutor do vehículo, que deron un resultado positivo en consumo de alcol.

O accidente produciuse nunha curva pronunciada na Rigueira, nas proximidades da urbanización 'Palmeiro', en Xove, e o vehículo foi localizado por un veciño contra as 9.40 horas do sábado, se ben todo apunta a que ocorreu varias horas antes. No asfalto non quedaron sinais de freada do vehículo.

O xulgado número 2 de Viveiro só practicou como dilixencia, até o momento, a petición de análise de sangue do condutor no laboratorio e indicou que estaba á espera da evolución do ferido grave —que segue na UCI—, posto que actualmente non se lle pode tomar declaración.

Os mozos finados, de entre 17 e 19 anos, foron enterrados o pasado 3 de abril. Esta terza feira, co regreso ás aulas após as vacacións de Semana Santa, tivo lugar un acto de homenaxe aos falecidos e estabelecéronse os protocolos, incluídos equipos de psicólogos e psicólogas, para acompañar os familiares e amizades das vítimas mortais.