A positividade das PCR na Galiza sobe até 12%, máis do duplo do que marca a OMS para ter controlada a pandemia

Proba de PCR (Foto: Europa Press)

Os contaxios diarios volven aumentar até os 685, coa área de Lugo con 167 novos casos.

Galiza detectou 685 novos casos de Covid-19 por PCR en 24 horas, o que implica unha suba de 18 con respecto aos notificados un día atrás. Aínda que a área sanitaria máis afectada continúa sendo Vigo, con 168 positivos diarios, a de Lugo-Monforte-A Mariña aumentou até os 167 debido ao foco da residencia Asilo de Vilalba, que ascende xa a 132 positivos.

Segundo os datos actualizados na mañá desta sexta feira na web da Consellería de  Sanidade, con cifras ata as 18:00 horas de onte, a área lucense subiu en 116 os  contaxios de coronavirus detectados nunha soa xornada.

Tamén subiron os positivos, aínda que en menor medida, nas áreas de Santiago-Barbanza, con 79 positivos -12 máis que os notificados 24 horas atrás-; en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 45 -un máis-; e en Ferrol, cun total de 40 -seis máis-.

A Organización Mundial da Saúde sitúa en 5% de PCR positivas o límite a non pasar para ter controlada a pandemia

Pola contra, Vigo anotou un importante descenso de 114, até os 168 novos positivos, mentres que na área da Coruña-Cee baixou en 20, até os 102; e os de Pontevedra-O Salnés caeron en 17, ata os 87.

Todos estes casos confirmados parten de 6.852  PCR realizados en 24 horas - total de 833.778 desde o inicio da pandemia-, o que implica que se realizaron unhas 4.000 probas menos que o día anterior. Ademais, a positividade case duplicou: 12,2%.

Isto significa superar amplamente o limiar do 5% marcado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

De feito, todas as áreas sanitarias superan esta porcentaxe, con Lugo liderando co 26,1% de positividade, seguida de Ferrol (11,4%), Vigo (11,5%), Santiago (10,5%), Ourense (10,4%), Pontevedra (8,3%) e A Coruña (7,1%).

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, baixaron nunha ducia en toda Galiza, ata situarse en 9.086.

As vítimas mortais con coronavirus ascenderon a 1.119 despois de que na xornada da quinta feira fosen comunicados 12 novos falecementos, dous deles ocorridos en residencias de anciáns.