A positividade das PCR aumenta na Galiza a 8,5%, a segunda máis alta nesta nova onda de coronavirus

Probas en Monforte (Foto: Europa Press)

Nas áreas sanitarias de Ourense e Ferrol sitúase por riba do 11%.

Galiza suma 308 novos contaxios por Covid, cun descenso na área de Ourense e un aumento na de Santiago

 

Galiza estabiliza o número de positivos diarios por coronavirus ao detectar 308 en 24 horas, cinco por baixo que os reportados o domingo e un cento menos que o sábado e a sexta feira.

E é que, mentres na área sanitaria de Ourense, actual epicentro da pandemia, os  contaxios continúan á baixa, con 74, na de Santiago case se duplican, até os 72.

De acordo coa última actualización da Consellería de  Sanidade, con datos aé as 18,00 horas do domingo, até o momento realizáronse 553.544 probas na Galiza, o que supón que se fixeron 4.440  PCR en 24 horas, unhas 1.500 menos que no día previo.

De todas as mostras tomadas, o 8,5% deixa un resultado positivo, unha importante subida que supón a segunda porcentaxe máis alta de toda a segunda onda da pandemia, tan só superado polo rexistrado en 13 de setembro (9,1%). Isto é que está 3,5 puntops por riba do límite que a OMS recomenda non pasar.

En canto ao número de pacientes de Covid-19 que recibiron o alta na última xornada, foron 211, o que eleva o total de curados desde o comezo da pandemia ata os 21.924. Pola súa banda, os casos activos, é dicir, as persoas que aínda padecen a enfermidade na Galiza, creceron en 97 con respecto ao domingo, ata os 4.476 deste segunda feira.

Por áreas sanitarias, a de Ourense, Verín e O Barco, a pesar de continuar como líder en  contaxios diarios con 75, baixa a incidencia. Nos partes anteriores as infeccións detectadas eran de 86 (domingo) e 191 (sábado), cifra récord.

O que si subiu nas últimas 24 horas é a porcentaxe de positivos das  PCR realizadas, até 11,7%, fronte a 9% reportado unha xornada atrás. Así mesmo, na provincia de Ourense, cuxa capital está confinada, o número de persoas coa enfermidade activa descendeu en 32, ata as 1.514, ao rexistrarse máis altas que novos pacientes.

A segunda área sanitaria con máis  contaxios detectados é a de Santiago e Barbanza, onde se dispararon até os 72 novos diagnósticos de Covid, fronte ás 40 do día anterior. Nesta zona, que esta segunda feira suma 621 pacientes de coronavirus (+24), a positividade subiu a 9,6%.

Tamén soben as novas infeccións na área da Coruña e Cee, até as 66 (+15), co 8,6% de probas positivas e cun ascenso de casos activos a 766 (+21); e en Pontevedra-O Salnés, até as 26 (+5), o 5,1% das  PCR feitas, e 511 persoas coa enfermidade (+4).

En Ferrol, onde os diagnósticos en 24 horas soben  levemente a 21 (+3), os últimos datos reflicten unha positividade récord na segunda onda, do 11%. Na área ferrolá, os pacientes ascenden a 137 (+15).

En canto ás 2 restantes, súmanse á de Ourense con baixadas da incidencia do coronavirus. Na área sanitaria de Vigo, en 24 horas detectáronse 24 infeccións (-38) e hai 467 casos activos (+32); e en Lugo-A Mariña-Monforte, os  contaxios continúan á baixa con outras 24  PCR positivas (-11) nun día e cun total de 460 pacientes (-2).