É posíbel a "minaría sostíbel" en Touro?

Terreos da antiga mina de Touro que Cobre San Rafael quere volver explotar para a extracción deste metal a ceo aberto (Foto: Europa Press).
A intención da Xunta de artellar unha Estratexia Galega de Minaría Sostíbel reabre o debate da extracción de cobre.

A Xunta da Galiza comunicou na segunda feira a súa intención de artellar unha Estratexia Galega de Minaría Sostíbel, a fin de orientar esta actividade nos vindeiros anos de cara a un "desenvolvemento económico, social e ambiental máis eficiente e racional" e contribuír a "fixar poboación e dinamizar a contorna" dos municipios afectados.

Este anuncio chegaba apenas dous meses despois de que a Consellaría de Economía ratificase o rexeitamento de Medio Ambiente en 2020 ao proxecto de reapertura da mina de Touro-O Pino, promovido por Cobre San Rafael SL, ao considerar que non estaba "garantida" a "sustentabilidade ambiental".

Con todo, tres décadas despois do cesamento da actividade extractiva na mina orixinal e coas consecuencias para o territorio aínda presentes, o debate sobre a viabilidade dunha nova explotación está máis candente que nunca cunha pregunta esencial: É posíbel facelo dunha forma respectuosa co medio?

"Minaría sostíbel é un oxímoro porque o desenvolvemento sustentábel do territorio é incompatíbel coa extracción dun recurso esgotábel. Podemos falar, se cadra, de minaría de baixo impacto, mais non denominala sostíbel", argumenta, en declaracións a Nós Diario, Xan Louzao, portavoz do BNG en Touro e membro da executiva de Adega e da plataforma Mina Touro-O Pino Non.

Unha visión radicalmente oposta é a que defende a Asociación de Traballadores Mineiros de Touro-O Pino, que defende que o 'Proxecto Touro' presentado por Cobre San Rafael "ofrece todas as garantías, empregos de calidade e respecto ao medio ambiente". O colectivo lamenta o "desamparo político" que afirman sufrir: "Nós defendemos os nosos postos de traballo e a nosa forma de vida".

A minaría xera riqueza?

O principal argumento a favor do proxecto que esgrime o colectivo de mineiros é a creación de postos de traballo, que cifran en "400 de maneira directa e 1.000 de forma indirecta", o que permitiría "reactivar o tecido industrial na comarca". Aliás, aseguran que a minaría pode "convivir" con outros sectores económicos.

Así as cousas, Xan Louzao contradí estes datos e asegura que a minaría "non xera ningún tecido empresarial na contorna máis aló duns poucos empregos". "A propia empresa dixo que chegarían a través de subcontratas. Aliás, xa non existe o concepto dos anos 70 de mudarse aquí por traballo, porque as e os traballadores non residen en Touro, senón en municipios máis axeitados para residir", explica. Neste senso, salienta o caso doutros concellos como Nerva ou Minas de Río Tinto, en Huelva: "Os territorios mineiros perden poboación, e neses concellos a taxa de paro nin sequera baixou significativamente".

Para el, a actividade extractiva poría en perigo as explotacións agrogandeiras, a empresa de investigación biomédica e a fábrica de lácteos que se atopan na zona. "Quen vai querer construír unha casa ou emprender un negocio nun lugar con explosións continuas, po en suspensión e tráfico pesado? Non é un binomio entre o que perdo e o que gaño; é un perdo-perdo", reflexiona.

Os estragos da antiga mina, visíbeis 35 anos despois

Xan Louzao lamenta a falta dun "plan de restauración real". "Recuperaron parte dos terreos con tecnosolos, mais estaban feitos con refugallos que xeran cheiros e non atallaron os vertidos tóxicos aos ríos", di. Aliás, salienta a "chantaxe" da empresa para paliar a contaminación: "Din que para artellar un plan de restauración é preciso reabrir antes a mina, mais se queren que creamos no seu proxecto 'sostíbel', que dean exemplo e reparen os danos actuais".