Portugal destinará case 1.000 millóns a partir de 2021 para poñer en marcha a alta velocidade Porto-Vigo

(Foto: Arxina)

Considera “prioritaria” esta conexión ferroviaria.

O Goberno de Portugal traballa co horizonte de 2030 para sacar adiante a liña ferroviaria de alta velocidade que unirá Lisboa, Porto, e Valença do Miño e coa vista posta en Vigo. No Programa Nacional de Investimentos figuran as primeiras claves da nova rede, segundo informa a canle de informativos 24 horas da TVG.

Esta conexión ferroviaria desenvolverase por fases, priorizando o treito entre Braga e Valença. O obxectivo final é a construción dunha liña de vía dobre de alta velocidade para pasaxeiros entre Porto e Vigo, que permita cubrir o percorrido completo en menos dunha hora. “Entre 2021 e 2030 inxectarán un investimento de case 1.000 millóns de euros. Outra das claves é que o percorrido inclúe o aeroporto de Sá Carneiro”, sinala o medio público galego.

Así, Galiza podería quedar en 2030 mellor conectada con Lisboa que con Madrid se se cumpren as previsións do Programa Nacional de Investimentos do país veciño. E non será grazas ao Estado español, máis preocupado de deixar ben comunicado Madrid, senón do propio Goberno portugués, que non está disposto a aceptar imposicións. 

Nesta liña pronunciouse en outubro a ministra de Coesión Territorial portuguesa, Ana Abrunhosa, quen destacou como "prioridade" do seu Goberno a liña atlántica Lisboa-Porto-Vigo por diante da conexión con Madrid. “A nosa prioridade non é a ligazón entre Madrid e Lisboa, porque de Madrid para Lisboa vamos en avión. Xa temos conexión. A nosa prioridade, certamente, é o Eixo Atlântico, Lisboa, Porto e Vigo”, afirmou a gobernante durante as II Xornadas Amizade, promovidas pela eurocidade Cerveira (Portugal)-Tomiño (Galiza).