Portugal conxela até 2030 a plantación de eucalipto

O goberno quer que non aumente a superficie actual desta especie, 811.000 hectáreas, ao tempo que aposta en impulsar a repoboación de piñeiro bravo, sobreira e carballo. O eucalipto ocupa na actualidade o 26% da superficie forestal portuguesa.

O goberno portugués quer dar un paso á fronte perante a expansión do eucalipto, unha especie que nestas dúas décadas se situou como a primeira na superficie forestal lusa, ocupando o 26% da mesa e desbancando o piñeiro bravo. Embora a oposición de parte da industria e propietarios, o executivo de Portugal incluíu na súa reforma forestal unha lei para conxelar a plantación de eucalipto no país até 2030, segundo informa Público.pt.

Na actualidade hai 811.000 hectáreas plantadas con esta especie, 100.000 máis que hai dúas décadas. A Estratégia Nacional para a Floresta (ENF) prevé non só conxelar a extensión do eucalipto mais tamén un aumento do 10% en áreas de piñeiro bravo, un 35% en sobreira e un 40% nas de carballo. Esta formulación ten apoio de PCP e BE, así como dos colectivos ambientalistas.

O que procura o goberno é frear a extensión do eucalipto. Só permitirá plantacións para substituír nas áreas xa plantadas. Quer, así mesmo, limitar o espazo das mesmas a aquelas áreas (litoral) onde as chuvias son más frecuentes.

Quen se opón a isto? A industria forestal mais non toda. A parte desta industria ligada ao piñeiro bravo ve con bos ollos este proxecto. O piñeiro bravo deixou de ser a principal especie forestal en Portugal. No 1995 estaba en 977.000 hectáreas mais no 2010 xa estaba só en 714.000.

Galiza

Galiza ten dous millóns de hectáreas de superficie forestal, da cal por volta do 70% (1.400.000 Has) é arborada. O eucalipto ocupa case 290.000 hectáreas da superficie arborada, perto dunha cuarta parte. Segundo o IV Inventario nacional forestal feito polo Estado español, hai 248.168 hectáreas de eucalipto entre A Coruña, Lugo e Pontevedra (nos dados referidos á provincia de Ourense non figura esta especie) e 39.814 hectáreas de repoboacóns xóvenes de eucalipto. A especie que é vital para a actividade da pasteira ENCE. No II Inventario forestal -de mediados a finais da década dos 80- a superficie que ocupaba o eucalipto en Galiza era apenas a metade da actual, 141.000 hectáreas. 

Técnicos e ambientalistas, esas 290.000 hectáreas ocupadas por esta especie refírense só a aquelas plantacións ou bosques de eucaliptos, sen contabilizar eucalipto que hai en plantacións ou bosques onde non é a especie maioritaria. De telo en conta, a cifra superaría, din organizacións como Greenpeace, as 370.000 Has. Nunha análise publicada hai uns anos por esa organización ambientalista, estimábase que de 600.000 propietarios forestais que hai en Galiza máis de 120.000 céntranse no eucalipto.