Os portos da Costa da Morte, en risco de ficar sen práctico, un posto vital de seguranza

13.000 buques navegan ao ano fronte á Galiza con mercadorías perigosas.

A renovación do servizo de practicaxe para a Costa da Morte preocupa nesa parte do litoral galego e non só nela. Hai intranquilidade polo feito de que un posto vital para a seguridade marítima, que dirixe a entrada e saída de buques a porto, fique sen cubrir, 20 anos após o 'Prestige',  polos recortes económicos da Xunta da Galiza.

do mar da Costa da Morte leva advertindo sobre as posíbeis consecuencias da renovación do servizo de practicaxe na zona. A xubilación do actual práctico —remata o 29 deste mes—  fixo que a Xunta abrise unha convocatoria para cubrir esa praza, que debería dar servizo aos portos do Corredor de Fisterra (Corcubión, Cee, Corme, Laxe e Sada), tendo que estar á disposición de Capitanía Marítima as 24 horas e os 365 días do ano. 

Mais a praza está aínda sen cubrir e o temor é que fique deserta, co que isto suporía, entre outras cuestións, para a seguridade marítima nunha zona como a mencionada, fronte á que circulan cada ano miles de buques con mercadorías perigosas.

"É un sensentido, se hai unha urxencia e un barco ten que entrar a algún dos portos desa zona, non habería práctico!", indica a Nós Diario Daniel Pérez, deputado do BNG que levou esta preocupación existente na Costa da Morte ao Parlamento a través de diversas interpelacións e iniciativas. Pérez sitúa o problema na rebaixa "moi considerábel" das condicións económicas que terá quen opte a cubrir a praza. Mais tamén apunta decisións da Xunta como que no prego de condicións "non se contemplan zonas de fondeo nos portos de Cee, Laxe e Corcubión, cando o fondeo neste último xoga un papel importantísimo na seguridade marítima da zona durante os temporais de inverno".  

"Que non pase nada"

José Centeno, profesional do colectivo de prácticos portuarios,  confirma a este medio o perigo que supón que esa zona fique sen servizo de practicaxe: "Claro que é un risco para a seguridade marítima. Enfronte a eses portos hai un corredor onde pasan 40.000 buques ao ano, e hai que ter estes medios". Lembra, ademais, que a Xunta situou estes portos da Costa da Morte —a raíz da catástrofe do Prestige—, como zonas de "refuxio seguro" para barcos con dificultades. "E agora van deixar eses refuxios seguros sen práctico?", cuestiona. 

O deputado nacionalista afirma que desde o PP a resposta que se deu a estas preocupacións foi dicir que o servizo está garantido, pois en case de necesidade poderíase recorrer a prácticos doutros portos de titularidade galega. A finais da pasada semana, persoal da empresa Xeal e veciñanza da comarca concentrábanse diante das oficinas de Portos de Galiza en Corcubión para denunciar a situación. "O servizo do práctico é esencial, pola seguridade da ría e o futuro industrial", defenderon. O presidente do comité, Alfonso Mouzo, alertou de que se non hai práctico os barcos que levan á factoría as materias primas e recollen o produto final non poderían operar no porto de Brens.

Perigo

Cada ano pasan fronte ás costas galegas ao redor de 13.000 buques con mercadorías perigosas. De feito, oito dos 13 maiores accidentes con verteduras de petróleo nas últimas seis décadas producíronse nas costas galegas.

As competencias en salvamento marítimo do litoral galego están en Madrid 

Salvamento Marítimo é unha competencia do Goberno español e exércese desde Madrid. A Xunta ten competencias en augas interiores mais non fóra do límite de costa, onde se concentra a maior parte do tráfico de mercadorías perigosas e das verteduras que ameazan o litoral galego.

E aí a competencia é do Estado, fracasando as reivindicacións e demandas de transferencia da mesma á Galiza que se teñen realizado. A última foi en 2019, cando o PP tombou no Parlamento galego unha proposición non de lei do BNG para a transferencia á Xunta da Galiza das competencias sobre salvamento marítimo. O PSdeG abstívose e En Marea votou a favor. "O importante non é a competencia, senón os medios", dixo o PP.