O Porto de Vilagarcía usou materiais contaminados para un recheo

porto vilagarcia arousa

O Xulgado considera que a proba practicada no xuízo acreditou “de maneira suficiente” que os materiais vertidos ao mar pola Autoridade Portuaria incluían, ademais de terra, material asfáltico contaminante. 

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra rexeitou o recurso interposto pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa contra a Xunta pola sanción que lle impuxo por unha infracción grave en materia de residuos e chans contaminados ao realizar un recheo no mar con materiais procedentes de obras ferroviarias. As resolucións impugnadas polo Porto estableceron o importe da sanción na contía de 20.000 euros “de maneira motivada, atendendo á intencionalidade e ao volume da vertedura”, destaca a sentenza.

 

O maxistrado indica que a resolución do 12 de maio de 2017 da Consellería de Medio Ambiente decidiu deixar en suspenso a obriga de reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como a determinación exacta da maneira na que debería realizarse, ata que se culminen as obras de reparación do peirao adxudicadas en maio de 2015. “Consecuentemente, queda fóra do obxecto deste preito a determinación da posibilidade ou non de executar a devandita reposición dos terreos, así como da mellor maneira para poder facelo. A Xunta haberá de ditar no futuro unha nova resolución sobre esta concreta cuestión e se o Porto discrepa do seu contido poderá impugnala nun novo proceso”, sinala o xuíz.

 

O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra destaca que a proba practicada no xuízo acreditou “de maneira suficiente” que os materiais vertidos ao mar pola Autoridade Portuaria incluían, ademais de terra, material asfáltico contaminante. Ademais, salienta que demostrou que a actividade realizada con eses materiais na súa vertedura ao mar merecía a cualificación de “obra maior” debido ao seu gran volume.