O Porto de Vigo homenaxea as vítimas do 'Vila de Pitanxo' cunha placa na súa honra

Placa en memoria das vítimas do 'Vila de Pitanxo' no Porto de Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
Perto dun centenar de persoas achegáronse ao Porto da cidade olívica para lembrar os mariñeiros que perderon a vida na traxedia.

O Porto de Vigo levou a cabo esta cuarta feira unha homenaxe ás vítimas do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que naufragou a 450 quilómetros de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022, coa instalación dunha placa que recolle os nomes dos 21 falecidos no accidente.

Así, un centenar de persoas achegáronse ao Porto para lembrar os mariñeiros que perderon a vida na traxedia. Entre eles, acudiron o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña; a delegada da Xunta en Vigo e candidata do PP á Alcaldía, Marta Fernández-Tapias; a terceira tenente de alcalde, Elena Espinosa, e os portavoces de BNG e Marea de Vigo, Xabier Pérez Igrexas e Rubén Pérez respectivamente.

Foi a portavoz das familias das vítimas, María José de Pazo, a encargada de tomar a palabra no acto, onde agradeceu ao Porto de Vigo o seu apoio "en todo momento" e puxo en valor o "inmenso significado" da placa instalada alí.

Ela explicou que se colgou unha placa similar en cada unha das localidades onde residían os falecidos no Vila de Pitanxo, polo que agora falta por instalar unha en Canadá, lugar do naufraxio, que non levará a cabo ata 2024.

O traballo dos mariñeiros

De Pazo puxo en valor o traballo dos mariñeiros e lamentou a loita que tiveron que facer as familias nos últimos meses para forzar o Goberno español a que se continúe investigando o sucedido e baixe ao pecio.

"Non descansaremos até ter a xustiza que se merecen", reivindicaron os familiares, que quixeron pór en valor este tipo de homenaxes para lembrar os falecidos e para que sirvan de exemplo para que unha catástrofe así non volva ocorrer.

Tras destapar a placa e realizar unha ofrenda floral, Vázquez Almuíña colleu a palabra, indicando que a Praza de Manuel Espárrago do porto será a partir de agora "un lugar para o recordo". Tamén nomeou outros barcos que sufriron unha traxedia parecida e mostrou o seu apoio ás familias.