O Porto de Vigo anuncia un litixio se os Franco non renuncian a vender os terreos do Museo de Rande

Centro de Interpretación de Rande (Dep. Pontevedra).
O presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, asegura que o museo está en terreos de dominio público. 

O Porto de Vigo acudirá aos tribunais se os sobriños de Carmen Franco non renuncian a vender os terreos sobre os que se asenta o Museo de Rande, 'Meirande', cuxa titularidade se atribúen e que a Autoridade Portuaria cualifica como "de dominio público".

Así o trasladou nunha rolda de prensa telemática o presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, quen confirmou que, tras intentar o cambio de titularidade no rexistro sen éxito, dirixiuse á familia Martínez Bordiu para solicitarlle que modifique a anotación catastral na que eses terreos figuran como da súa propiedade.

As descentes de Carmen Franco, filla do ditador Francisco Franco, puxeron á venda os terreos nos que se asenta o museo a comezos deste ano

Segundo explicou López Veiga, o museo e os terreos lindeiros están en dominio público portuario e, en concreto, o centro de interpretación, está cedido en réxime de concesión ao Concello de Redondela. Para o presidente portuario é "inexplicábel" que se puideran rexistrar como propiedade desa familia.

Por iso, o presidente da Autoridade Portuaria indicou que, se os Martínez Bordiu non aceptan o cambio no catastro, o Porto vigués "irá a un litixio". "E gañarémolo", resolveu.