As 'portas xiratorias' entre o Partido Popular e o sector eléctrico galego
O apagamento eléctrico do pasado 26 de abril volveu pór no centro do debate as 'portas xiratorias' no sector eléctrico da man da figura da antiga ministra de Vivenda de Zapatero e actual presidenta Rede Eléctrica Española, Beatriz Corredor. A presenza de antigos responsábeis públicos nos órganos de dirección dos principais operadores eléctricos privados é habitual, desde ex presidentes como José María Aznar até ex ministros e ministras. Unha práctica tamén frecuente na política galega.
O caso de Beatriz Corredor non é ningunha excepción en Rede Eléctrica Española (REE). O operador do sistema, após o comezo da súa privatización en 1999 polo Executivo popular de José María Aznar, continuou a ser dirixido por responsábeis políticos do mesmo partido que gobernaba no Estado. Corredor substituíu como presidente de REE outro ministro de José Luis Rodríguez Zapatero, Jordi Sevilla, proposto por Pedro Sánchez tras asumir a presidencia, quen a súa vez sucedeu un antigo secretario de Estado do PP e alcalde da localidade madrileña de Tres Cantos, José María Folgado.
O Consello de administración de REE sempre contou con antigos responsábeis públicos. Se na actualidade fan parte del ex altos cargo socialistas como o 'número dous' de corredor no Ministerio de Vivenda, Marcos Vaquer Caballería, ou a antiga deputada por Barcelona Elisenda Malaret, no pasado ocuparon postos directivos na empresa pública políticos populares como o ex presidente valenciano e ex ministro de Traballo, Eduardo Zaplana ou o deputado pola Coruña e director xeral da Garda Civil con Mariano Raxoi, Arsenio Fernández de Mesa.
Marta Fernández Currás
E o camiño entre o Goberno galego e as compañías enerxéticas sempre estivo aberto. A última conselleira de Alberto Núñez Feixoo en entrar no Consello de administración dunha compañía enerxética foi Marta Fernández Currás. A máxima responsábel do departamento de Facenda da Xunta da Galiza entre 2009 e 2011 e secretaria de Estado de Orzamentos no primeiro Gabinete de Mariano Raxoi desembarcou en xuño de 2023 en Ecoener, a eléctrica coruñesa presidida por Luis de Valdivia, un dos nomes máis polémicos do negocio eólico na Galiza.
O percorrido de Fernández Currás fíxoo tres anos antes Beatriz Mato. Ligada ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) desde 1994, responsábel da súa delegación territorial na Coruña a partir de 2000, delegada da Consellaría de Pesca na Coruña entre 2002 e 2005, parlamentaria na Galiza entre este último ano e 2009, conselleira de Traballo e Benestar nos dous primeiros gobernos de Feixoo e titular de Medio Ambiente entre 2015 e 2018, saltou á dirección da enerxética Greenalia en 2020, após unha tentativa frustrada de alcanzar a Alcaldía da Coruña un ano antes.
A fichaxe de Mato por Greenalia veu precedida dunha serie de decisións polémicas da Consellaría de Medio Ambiente en relación con esta enerxética que é socia de Altri na promoción da celulosa de Palas de Rei (A Ulloa). Sen ir máis lonxe, en 2017, o departamento da Xunta do que era titular Mato 'librou' a eléctrica coruñesa de "someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común" para conseguir a autorización para botar a andar a central de biomasa en Teixeiro, no concello de Curtis (As Mariñas). Na mesma liña, Medio Ambiente informou nesa época favorabelmente sobre diversos proxectos eólicos de Greenalia.
A época de Fraga
As relacións entre os responsábeis da política enerxética da Xunta e as eléctricas vén de vello. Así, no Consello de administración de Greenalia ocupa unha cadeira desde 2017 Antonio Couceiro, peso pesado do PP coruñés, director de Xestur na Coruña entre 1981 e 1990, director xeral de Emprego entre 1993 e 1994 e conselleiro de Industria e Comercio entre 1994 e 1999, anos decisivos para a despregadura das renovábeis na Galiza, onde se marcaron as liñas mestres para o desenvolvemento do sector eólico.
Couceiro non foi o único conselleiro de Manuel Fraga con responsabilidades nunha enerxética. Antes que el, concretamente en 2009, sentou no Consello de administración de Ence, empresa centrada na produción de pasta de papel e de enerxía, Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente entre 1997 e 2003, director xeral de Montes e Medio Natural da Xunta da Galiza entre 1990 e 1996, responsábel de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente no primeiro Goberno de José María Aznar e presidente do Padroado das Illas Atlánticas, após a súa saída do Executivo galego como consecuencia da xestión durante a catástrofe do Prestige.
As 'portas xiratorias' entre o sector enerxético e o Partido Popular chegaron a outros niveis inferiores da Administración galega. Un exemplo disto foi Joaquín del Moral Crespo, director xeral de Industria con Juan Fernández, primeiro conselleiro do ramo de Fraga, con Couceiro e co seu sucesor Juan Rodríguez Yuste, quen estivo á fronte da política eólica galega durante a práctica totalidade da década de 1990, até o seu cesamento en 1999. Del Moral ocupou responsabilidades en empresas enerxéticas como Somozas Energías Renovables ou Técnicas Energéticas Renovables y Ambientales, empresa que participa de Gabinete Energético, propietario de 30% do capital do parque eólico das Somozas.
O sucesor de Joaquín del Moral na Dirección Xeral de Industria da Xunta, Ramón Ordás Badia, tamén atopou acubillo nunha empresa enerxética após abandonar o Goberno galego en 2005. Así, tras a derrota de Manuel Fraga foi nomeado director de Endesa en Portugal, unha das compañías cuxos resultados económicos dependeron das súas xestións na Administración. Ordás Badia, cuñado de Luis de Valdivia, un dos empresarios máis beneficiados polas concesións eólicas nese período e actual propietario de Ecoener, acabou imputado polo seu papel na coñecida como “trama eólica” do Goberno de Fraga, quedando posteriormente libre de cargos.
A patronal eólica
O actual presidente da patronal eólica galega, José Manuel Pazo Paniagua, entrou en contacto co sector en 1986 na súa condición en empregado de Xestión Enerxética da Galiza S.A. (Xestenga S.A.), unha sociedade pública constituída en 1983 da que o Goberno galego posuía 85% do capital, ao corresponder 42,5% do mesmo á propia Xunta e outro 42,5% á Sociedade para o desenvolvemento industrial da Galiza (Sodiga), tamén propiedade da Administración. Actualmente é directivo das compañías Punta Saleta e Eurus, propiedade da enerxética xaponesa Tokio Electric Power, e da multinacional desa mesma nacionalidade Toyota Tsusho Corporation.
Beneficios das eléctricas
O sistema eléctrico español fechou 2024 cun superávit de 619,75 millóns de euros, segundo os datos publicados onte pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC)
Unha práctica habitual no Estado
A presenza de antigos responsábeis públicos nos consellos de administración das compañías eléctricas é unha práctica habitual no conxunto do Estado, favorecida por un marco legal de incompatibilidades que posibilita estas prácticas. Así, o primeiro operador en potencia renovábel na Galiza, Iberdrola, ten e entre as súas conselleiras a ministra de Agricultura de Mariano Raxoi, Isabel García Tejerina, e como conselleiro coordinador o ministro do Interior de José María Aznar, Ángel Acebes. E no consello da galega Ecoener sentan outros dous antigos membros do Goberno de Aznar: o ex ministro de Defensa Eduardo Serra e a ex ministra de Asuntos Exteriores Ana de Palacio, quen dirixiu a diplomacia española nos tempos da invasión de Iraq.