As portas xiran entre a Xunta da Galiza e as empresas do sector enerxético

Antonio Couceiro, Beatriz Mato e Marta Fernández Currás (Foto: Nós Diario).
O camiño de ida e volta entre a Xunta da Galiza e os consellos de administración das eléctricas é doado de seguir. Un caso paradigmático é o de Beatriz Mato, directiva do grupo Greenalia. Porén, non se trata do único exemplo no sector eléctrico galego.

A última conselleira de Alberto Núñez Feixoo en entrar no consello de administración dunha compañía enerxética foi Marta Fernández Currás. A máxima responsábel do departamento de Facenda da Xunta da Galiza entre 2009 e 2011 e secretaria de Estado de Orzamentos no primeiro Gabinete de Mariano Raxoi desembarcou o pasado mes de xuño en Ecoener, a eléctrica coruñesa presidida por Luis de Valdivia, persoa investigada pola Fiscalía baixo a acusación de ser unha peza chave na trama eólica do último Goberno de Manuel Fraga.

De Valdivia era cuñado de Ramón Ordás Badía, director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta da Galiza entre 1999 e 2005 que rematou imputado por concesións eólicas e hidráulicas a sociedades participadas polo seu cuñado. A este respecto, a propia Fiscalía ten recoñecido que a actividade empresarial de Valdivia “recibe un forte impulso” a partir de 1999, ano do nomeamento do seu cuñado. Tanto é así que en 1999 Castro só está vinculado a tres sociedades enerxéticas e en 2005, ano do cesamento de Ordás, a un mínimo de 45. Ordás foi nomeado máximo responsábel de Endesa en Portugal tras abandonar o Goberno galego.

Os nomes de Ecoener

O consello de administración de Ecoener conta cun bo número de responsábeis gobernamentais ligados ao PP. Entre estes, destacan Eduardo Serra, persoa do círculo de Juan Carlos de Borbón e ministro de Defensa no primeiro Executivo de José María Aznar, ou a súa compañeira de Goberno Ana de Palacio, responsábel de Asuntos Exteriores, europarlamentaria do PP e vicepresidenta do Banco Mundial. Porén, esta compañía non representa ningunha excepción no negocio enerxético galego.

Greenalia é outro caso semellante. O conselleiro de Industria e Comercio entre 1994 e 1999, Antonio Couceiro, desenvolve responsabilidades directivas na compañía. Director de Xestur na Coruña entre 1981 e 1990, director xeral de Formación e Emprego entre 1993 e 1994, senta no consello de administración da eléctrica desde 2017. Couceiro, máximo responsábel da Cámara de Comercio da cidade e até xuño de 2023 do Deportivo da Coruña, dirixiu a política enerxética da Galiza nos primeiros anos do despregue das renovábeis no país.

Joaquín del Moral

Joaquín del Moral Crespo mantén lazos co negocio eólico desde hai anos. Foi director xeral de Industria con Juan Fernández, primeiro conselleiro do ramo de Fraga; con Couceiro e co seu sucesor, Juan Rodríguez Yuste, e mantívose á fronte da política eólica galega durante a práctica totalidade da década de 90 até o seu cesamento en 1999. 
Del Moral está ligado actualmente a diversas empresas do sector enerxético como Somozas Energías Renovables. Foi, no seu momento, un dos máximos accionistas de Estela Eólica, unha das grandes beneficiadas do concurso eólico de 2010.

Beatriz Mato

Beatriz Mato partilla asento con Antonio Couceiro no consello de administración de Greenalia. Ligada ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) desde 1994, responsábel da súa delegación territorial na Coruña a partir de 2000, delegada da Consellaría de Pesca na Coruña entre 2002 e 2005, parlamentaria autonómica entre este último ano e 2009, conselleira de Traballo e Benestar nos dous primeiros Gobernos de Feixoo e conselleira de Medio Ambiente entre 2015 e 2018, saltou á dirección de Greenalia en 2020, após unha tentativa frustrada de alcanzar a Alcaldía da Coruña.

A participación da área de Mato en expedientes referidos a Greenalia resultou unha práctica habitual nos seus anos á fronte da Consellaría de Medio Ambiente. Así, en 2017, a Xunta da Galiza outorgou á empresa Greenalia diversas autorizacións legais para pór en funcionamento a central de biomasa en Teixeiro (Curtis). O proxecto librouse en xullo dese ano de “someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común”, ao “non consideralo necesario” o departamento dirixido por Mato.

A historia repetiuse na tramitación de diversos desenvolvementos eólicos. Así, por exemplo, o 26 de abril de 2018, o Consello da Xunta da Galiza, presidido por Alberto Núñez Feixoo e do que facía parte Beatriz Mato, declarou de interese especial os parques eólicos de Campelo e Bustelo (Coristanco, Carballo e Santa Comba), promovidos pola empresa Greenalia, e axilizouse, deste modo, a súa tramitación, reducíndose a fase de exposición pública a 15 días. Actualmente, estes dous proxectos están declarados ilegais e paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

María Jesús Lourenzá

A secretaria xeral da Consellaría de Medio Ambiente naquela altura era a actual conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lourenzá, quen coñeceu de primeira man ducias de expedientes relacionados con instalacións de renovábeis en cuxa tramitación participou nalgún momento o seu departamento, como aconteceu coa central de biomasa en Teixeiro ou cos parques eólicos de Greenalia Ourol, emprazado no concello do mesmo nome na comarca da Mariña, e Miñón, Monte Dourado e Alto da Croa en Vimianzo (Costa da Morte). Precisamente, estas instalacións son as únicas que mantén o grupo operativas na Galiza.

María Jesús Lourenzá, unha carreira política á sombra de Beatriz Mato

A carreira política de María Jesús Lourenzá desenvolveuse á sombra de Beatriz Mato. Precisamente, a ela débelle o seu o nomeamento como secretaria xeral da Consellaría de Traballo e Benestar entre 2013 e 2015, nun momento onde a Xustiza investigaba este departamento dentro da coñecida como Operación Zeta, unha trama por supostas irregularidades en cursos de formación financiados con diñeiro público.

Mato levou Lourenzá á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio cando foi designada en 2015 responsábel desta área do Goberno galego. Alí permaneceu até a renuncia da súa protectora en setembro de 2018, pasando polas súas mans todas as cuestións de transcendencia xurídica. Neste sentido, persoas coñecedoras do día a día daquel departamento sinalan a Nós Diario “a lealdade total de Lourenzá a Mato, quen delegaba na secretaria xeral a xestión corrente dos asuntos da Consellaría”.Precisamente, tras a marcha de Mato, Lourenzá recalou como secretaria de Medio Rural, onde permaneceu até 2020, cando foi nomeada conselleira de Traballo e Igualdade.

O círculo de Mato e Rueda

Lourenzá é unha persoa do círculo máis próximo do presidente da Xunta da Galiza e de Beatriz Mato. Neste sentido, a súa designación como conselleira de Economía, Industria e Innovación respondeu ao interese do primeiro por controlar directamente toda a área económica do Goberno galego e, moi particularmente, a política enerxética.