Ás portas da ponte de San Xosé, alivio dan presión hospitalaria e baixada en contaxios rexistrados

(Foto: Europa Press)

Galiza rexistra 271 pacientes Covid ingresados e 2.586 casos activos.

Galiza experimentou un novo alivio da presión hospitalaria ao reducirse a 271 os pacientes Covid ingresados, o que implica 22 menos que a xornada anterior, e unha caída dos casos activos até os 2.586 ás portas da ponte de San Xosé, no que Galiza seguirá con fechamento perimetral.

Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas desta cuarta feira, 57 pacientes Covid permanecen en UCI -un menos- e 214 noutras unidades de hospitalización -21 menos-.

Os pacientes ingresados pola Covid-19 redúcense en todas as áreas sanitarias galegas, cunha maior caída na da Coruña e Cee onde, aínda que aumentan a 20 os críticos -un máis-, caen a 83 os que permanecen noutras unidades -sete menos-.

Os casos activos de Covid-19 volveron descender lixeiramente até os 2.586, o que supón 72 menos que a xornada anterior. En xeral redúcense en seis das sete áreas sanitarias, agás na de Vigo, onde aumentan a 484, ao sumar unha ducia.

En canto aos contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba baixaron lixeiramente a 146, após os 148 detectados a xornada anterior. Deste modo freouse a tendencia ascendente detectada desde o inicio da semana, cos 112 da segunda feira e 122 na terza.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- mantense nun 2%, como desde o inicio da semana. Deste xeito, Galiza continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia.

Pola súa banda, desde o inicio da pandemia faleceron en Galicia 2.310 persoas diagnosticadas con este coronavirus, tras as últimas 4 vítimas notificadas esta cuarta feira polas autoridades sanitarias.