Xornada de igualdade no CIFP Porta da Auga

A "porta lila" ábrese á comunidade escolar en Ribadeo

A comisión de igualdade do centro integrado de FP Porta da Auga de Ribadeo organiza a actividade.
A "porta lila" é o nome polo que se coñece no centro integrado de FP Porta da Auga de Ribadeo a súa comisión de igualdade. A súa equipa está detrás das Xorndas pola Igualdade que durante todo o día de hoxe se desenvolverán no auditorio municipal da localidade

Nelas espérase reunir máis de 300 alumnas e alumnos tanto deste centro como do IES Dionisio Gamallo Fierros, tamén de Ribadeo, e do IES de Foz, tamén colaboradores nunha programación que inclúe unha sesión sobre educación sexual, unha sobre masculinidades igualitarias e unha terceira sobre coeducación.

"A nosa idea foi facer actividades non só de portas para adentro, senón que se puidesen abrir á comunidade e ao alumnado doutros centros", expón Isidro Berdeal, director do Porta da Auga. Ademais, as xornadas, que son gratuítas, estarán abertas a público en xeral.

Como salienta, o traballo realizado polo profesorado e alumnado que organiza a programación de hoxe ten como obxectivo "cambiar a perspectiva" e interiorizar o punto de vista das mulleres. "Se non te pos na situación, resulta difícil para un home poñerse na pel feminina e estas actividades queren aprender a velo", expón Berdeal. 

O docente enfoca a actividade cara ao estudantado, "porque é onde temos que plantar a semente da igualdade", mais tamén na comunidade docente, nais, pais, titoras e no conxunto da poboación. "A violencia de xénero, a igualdade e a coeducación están en boca de todo o mundo, pero á hora da verdade temos pouco acceso a actividades relacionadas ou que nos axuden a ver as cousas desde outra óptica", razoa.

Con esa vontade, as dúas sesións da mañá van máis enfocadas ao público xuvenil –o centro ten alumnado desde os 15 anos e até máis alá dos 22–, a primeira sobre o silencio e a mala educación sexual, e a segunda sobre novas masculinidades. Pola tarde, xa fóra do horario lectivo, o programa centrarase na coeducación, nunha charla titulada "A igualdade é lei, hai que cumprila", que abre o seu espectro a público adulto. O peche poñerano De Vacas, cun concerto que, como sinala o director do centro que organiza, dá a certas letras "unha volta de rosca, como tamén esta xornada quere darlle unha volta á maneira de mirar as cousas".