Pornografía e falta de educación afectiva, as principais causas do aumento de agresións sexuais en menores

Estudantado adolescente (Foto: Santi Alvite)
A Memoria da Fiscalía Xeral do Estado (FXE) revelaba que se produciu un "alarmante" incremento de 116% das agresións sexuais perpetradas por menores no Estado no último lustro, entre o ano 2017, cando se rexistraron 451 casos, e 2022, cando houbo 974.

Save The Children advertiu de que algunhas das causas que se atopan detrás do incremento en máis de 100% das agresións sexuais cometidas por menores de idade no Estado español son o acceso a unha "pornografía" que mostra "situacións de violencia" e a "falta de educación afectivo sexual".

"Unha das causas detrás do aumento das agresións sexuais entre adolescentes é o acceso a unha pornografía que representa situacións de violencia e de desigualdade", apuntou a directora de Incidencia Social e Política de Save the Children, Catalina Perazzo.

A Memoria da Fiscalía Xeral do Estado (FXE) revelaba que se produciu un "alarmante" incremento de 116% das agresións sexuais perpetradas por menores no Estado no último lustro, entre o ano 2017, cando se rexistraron 451 casos, e 2022, cando houbo 974.

Aínda que desde Save The Children consideran que fai falta levar a cabo "unha investigación máis detallada" sobre as causas deste aumento, achácao ao "consumo de pornografía" así como á "falta de educación afectivo sexual".

En todo caso, a ONG de infancia tamén sinala que pode deberse a que existe "unha maior detección" por parte dos profesionais e unha maior "concienciación" das adolescentes nas súas relacións.

Desta forma, segundo Perazzo, a violencia "detéctase ou párase antes".

Amplo acceso a pornografía

Segundo os datos de Save The Children, 7 de cada 10 adolescentes teñen acceso á pornografía e un 30% asegura que é a única fonte de educación afectivo sexual que teñen. "Por sorte -apunta Perazzo- eles mesmos danse conta de que necesitan outro tipo de información e case 50% así o pide".