Pornificación cultural, un fenómeno preocupante: "Estase erotizando a violencia contra as mulleres"

Os contidos pornográficos vólvense máis extremos, o que provoca que se acabe erotizando a violencia exercida contra a muller. (Foto: Nós Diario)
'A pornificación da cultura na actualidade' centrou o coloquio co que o colectivo Proxéctate en Galego conmemorou o décimo aniversario dos 'Encontros de Lúa Chea', unha iniciativa que promove o contraste de opinións co obxectivo de xerar comunidade universitaria e pensamento crítico no campus de Lugo, da USC.

Agricultura ecolóxica, sostibilidade, as consecuencias das especies invasoras, incendios forestais, micromachismos, éxodo rural feminino, demanda enerxética, mobilidade urbana, patrimonio, o retorno dos fascismos... En dez anos os Encontros de Lúa Chea achegaron a distintos espazos informais do campus universitario de Lugo máis dunha trintena de propostas para o debate a e a conversa.

Trátase dun ciclo divulgativo promovido desde o colectivo Proxéctate en Galego para o intercambio de opinións e experiencias sobre contidos académicos transversais. No seu décimo aniversario, a profesora e presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, Mar Pérez Fra, foi a encargada de moderar un encontro centrado no concepto de pornificación e o seu impacto na sociedade, nomeadamente na infancia e na mocidade.

Lorena Añón, Noa Lombao e Sofía Pérez participaron esta quinta feira no ciclo divulgativo 'Encontros de Lúa Chea'. (Foto: Nós Diario)

O impacto da pornografía

A profesora da USC especializada en estudos feministas e de xénero, Lorena Añón, foi a encargada de abrir a palestra. En declaracións a Nós Diario, Añón referiuse á pornificación cultural como "un fenómeno social, complexo e omnipresente, que fai que o imaxinario pornográfico penetre na cultura popular, a través da música, do cine, das series, do deporte".

A experta identifica e alerta de narrativas da pornografía "que non se están conceptualizando como tales". Expresións, posturas, estéticas que "acabamos normalizando, naturalizando, invisibilizando e aceptando".  Estas prácticas, engade, equiparan sexo e pornografía, até o punto de idealizar esta como modelo de "bo sexo"; mais no marco da pornografía hexemónica "o que se transmite son diferentes tipos de violencia contra as mulleres" que perpetúan un modelo patriarcal de sexualidade baseado na "deshumanización".

Añón sinala como exemplos de pornificación series, cancións, bailes, anuncios, videoxogos e reels nos que aparecen "crianzas pornificadas" a través da vestimenta e determinadas posturas, produtos comercias que cousifican o corpo da muller ou letras que "naturalizan a dor". O que se segue considerando pornográfico vólvese máis extremo, conclúe a profesora da USC "o que fai que esteamos erotizando a violencia contra as mulleres". O consumo de pornografía, accesíbel e anónimo, aumenta. Con 8 anos as crianzas xa baten facilmente con contidos destas características se ben a idade media de inicio no consumo abeira os 14 anos nos homes e os 16 nas mulleres.

A mocidade está a construír o desexo a través da pornografía hexemónica e a ignorar o impacto que determinadas condutas poden ocasionar. Así o trasladou Noa Lombao, educadora social en Aliad Ultreia, unha entidade que traballa pola mellora das condicións de vida das persoas vulnerábeis. Segundo explicou a este medio, o perfil da muller en situación de prostitución está a mudar. "Cada vez máis, co uso das tecnoloxías, das redes sociais e de páxinas como Only fans ou Sugar daddy a rapaza está a normalizar que a venda de imaxes do propio corpo non é unha maneira de explotación sexual, o que anima aos captadores a achegarse á xente nova e a xerar unha idea errónea de empoderamento".

Os convites a compartir fotos persoais sexualizadas a cambio de cartos son frecuentes, sobre todo entre elas, mozas de 14, 15 e 16 anos, asegura Lombao, quen suma perto dunha ducia de charlas con alumnado de secundaria. "Cren que o fan porque queren, para a maioría é unha forma de empoderamento e de sacar lucro do seu corpo sen ter en conta todo o que hai detrás e como lles pode afectar: extorsións, seguimentos".

Pensamento crítico

É un efecto máis da pornificación da cultura, que sitúa as mulleres como obxecto e os homes como suxeito a compracer, "no que o desexo ou o consentimento das primeiras pasa a un segundo plano", advirte Lombao. Ante esta hipersexualización do corpo alenta a investir en educación cara un pensamento crítico aínda en construción.