Esta é a porcentaxe de poboación galega que terá 65 ou máis anos no ano 2039
Un terzo da poboación galega terá 65 ou máis anos en 2039 cando en 2024 representaban 26,6%, segundo a información que publicou esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE) relativa ao sistema de indicadores de lonxevidade.
En concreto, as previsións que manexa o IGE apuntan a que a poboación galega superior ou igual aos 65 anos represente 33,1% no ano 2039. De acordo cos principais datos extraídos destes indicadores de lonxevidade, os fogares galegos compostos unicamente por persoas de 65 ou máis anos alcanzaron 58,6%, o máximo da serie histórica, en 2023. A metade deles son unipersoais.
Os datos do IGE apuntan unha tendencia, a do avellentamento da sociedade galega, que está a ser constatada por diferentes estudos e informes de organismos, tanto nacionais como internacionais.
O de 1997 é o derradeiro ano no que na Galiza as persoas menores de idade superaban en número as maiores de 65 anos. Desde entón, a mocidade na Galiza é cada vez un ben máis escaso.
No ano 2024 os galegos e as galegas menores de idade eran 414.255. Son 96.462 menos que os galegos e as galegas nesa faixa de idade que había na Galiza no inicio do século, no ano 2000. Este colectivo reduciuse en 20% en pouco máis de dúas décadas.
Perda de mocidade
Se no ano 2020 había 428.000 galegas e galegos entre cero e 18 anos, e en 2024 esa cifra foi de algo máis de 414.000 persoas, para cando chegue o ano 2030 serán apenas 362.000 os habitantes na Galiza nesa faixa de idade. Perderíanse, de aquí a 2030, mozos e mozas a un ritmo de ao redor de 200 persoas cada semana.